O grupo municipal do BNG solicita que o Concello se persone como acusación particular polo lume do Monte Pornedo e propoñen unha campaña municipal de prevención e concienciación
Este verán, Marín está a sufrir unha vaga de incendios forestais que puxeron en alerta á veciñanza e supuxeron un risco directo para persoas, vivendas e instalacións públicas. Os lumes tamén afectaron zonas de elevado valor ambiental e cultural, como o Monte Pornedo (ou Pituco) e a contorna de Moreira. Segundo MeteoGalicia, AEMET e a Consellería do Medio Rural, a combinación de seca prolongada, temperaturas anormalmente altas e acumulación de biomasa sitúa ao municipio nun contexto de alto risco.
Desde o BNG de Marín trasladaron o seu recoñecemento ao labor dos equipos de extinción e da veciñanza que colaborou activamente para conter os lumes. Con todo, advirten da necesidade de reforzar as políticas públicas de prevención e mellorar o coidado do territorio. “Cómpre actuar con responsabilidade e anticipación para evitar situacións graves para as persoas e os seus fogares”, sinalan desde a formación nacionalista.
Neste contexto, e como mostra da gravidade da situación, o BNG levou ao pleno municipal do 10 de xullo unha iniciativa concreta sobre o incendio que tivo lugar no Monte Pornedo o pasado 7 de xullo. A través da concelleira Davinia Lojo, solicitaron que, de confirmarse que o lume foi intencionado, o Concello de Marín se persone como acusación particular. O incendio achegouse perigosamente a zonas habitadas, danou espazos naturais e chegou a ameazar xacementos arqueolóxicos catalogados como Ben de Interese Cultural. “Estamos ante un atentado contra a seguridade da veciñanza, o medio natural e o noso patrimonio común”, afirmou Lojo.
Poucos días despois, un novo incendio na zona de Moreira volveu evidenciar a insuficiencia das medidas actuais. A rápida intervención evitou danos maiores, pero desde o BNG consideran que non chega con reaccionar ante as emerxencias, senón que é preciso anticiparse con políticas estruturais de prevención e xestión sostible do monte.
Por este motivo, propoñen que o Concello de Marín poña en marcha unha campaña municipal de concienciación e prevención de incendios forestais, especialmente orientada aos meses de maior risco, que inclúa:
- Información clara sobre a prohibición de facer lume ou empregar asadores en zonas forestais.
- Recordatorios sobre a prohibición de tirar cabichas ou obxectos acesos no monte.
- Recomendacións para o uso seguro de maquinaria agrícola ou forestal durante épocas de risco elevado.
- Información accesible sobre as obrigas legais en materia de xestión da biomasa e os apoios existentes para cumprilas.
Desde o grupo municipal do BNG reiteran o seu compromiso coa protección da vida e a seguridade da veciñanza, así como coa defensa do medio ambiente e do patrimonio cultural.