Lucía Santos propón acondicionar a zona verde e instalar casetas para a colonia felina, apoiando o labor veciñal no coidado dos animais
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou na Comisión de Turismo e Comercio, celebrada o pasado 5 de novembro, unha proposta para mellorar a Praza da Capirota, situada na rúa da Roda.
A voceira do BNG, Lucía Santos, explicou que a zona verde situada ao final da praza precisa traballos de coidado e limpeza, co obxectivo de que este espazo continúe sendo un lugar agradable para a veciñanza.
Neste punto, a formación nacionalista destaca a colaboración veciñal que permite que unha pequena colonia de gatos da contorna reciba a atención necesaria. Porén, co fin de facilitar esta tarefa e, ao mesmo tempo, manter o bo estado da praza, o BNG propón instalar casetas de madeira que se integren mellor no espazo e permitan unha xestión máis cómoda e hixiénica.
Segundo indicou Santos, estas instalacións, xa presentes noutros concellos, axudan a manter a orde do lugar, favorecen o benestar dos animais e resultan prácticas para o seu mantemento.
O obxectivo, sinalou, é “seguir coidando este espazo e apoiar o labor solidario das persoas que se preocupan polos animais, garantindo unha mellor convivencia e un contorno limpo para todas e todos”.
En definitiva, o BNG conclúe que o coidado dos espazos públicos e o respecto polos animais deben ir sempre da man, como unha responsabilidade compartida que mellora Marín e a súa convivencia.



