A fronte nacionalista denuncia un vertido con presenzas de residuos fecais no dique do Naútico, onde alerta de que se levan rexistrando máis de 20 anos
Xabier P. Igrexas: “Non podemos seguir tratando a Ría como un grande sumidoiro”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama unha revisión “exhaustiva” da rede de saneamento en Vigo após unha nova vertedura de augas sen depurar na Ría. A fronte nacionalista denuncia que, nas últimas horas, se rexistrou un vertido con presenza de residuos fecais dende o colector do dique do Naútico.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, considerou inxustificábel que, unha vez máis, se produza un vertido directamente ao mar despois de que se rexistren choivas na cidade. Unha situación que, advertiu, repítese en numerosos ámbitos como o propio Naútico, onde hai constancia de verteduras dende hai máis de 20 anos.
“Non podemos seguir tratando a Ría como un grande sumidoiro”, defendeu Igrexas. Chamou por este motivo a que o Goberno municipal de Abel Caballero realice un exame de toda a rede de saneamento, con especial atención naqueles puntos con saída ao mar, e tome as medidas necesarias para evitar que se sigan producindo estes vertidos.
Un dos recibos de saneamento máis caros
A xuízo do Bloque estas verteduras resultan “especialmente intolerábeis” cando as viguesas e vigueses pagan no recibo da auga un dos saneamentos máis caros de toda Galiza. E alertou do impacto de converter nunha “xigantesca cloaca” un ecosistema de enorme valor ambiental como a Ría de Vigo.
O portavoz municipal nacionalista asegurou tamén que os recentes episodios de clausura de praias, causados pola presenza de elevados niveis da bactería e-coli no litoral, continuarán a producirse se o Concello non actúa “con decisión e firmeza” para evitar estas verteduras de augas sen tratar ao mar.

