O BNG reclamará no Pleno de Vigo a dimisión de Rueda pola xestión “neglixente” da vaga de lumes

adminON
Lectura mínima de 5

Traslada unha moción para esixir un cambio estrutural na política forestal e territorial da Xunta, a quen responsabiliza das devastadoras consecuencias dos incendios que arrasaron 140.000 hectáreas este verán

Insta ao Goberno de Caballero a liderar a execución do prometido Anel Verde en Vigo

Xabier P. Igrexas: “Faltaron planificación, prevención e medios; e sobraron improvisación e propaganda por parte do Goberno galego do PP”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclamará no Pleno de Vigo a dimisión do presidente galego, Alfonso Rueda, pola súa “neglixente” xestión da vaga de lumes en Galiza. A fronte nacionalista traslada unha moción para esixir un cambio estrutural na política forestal e territorial da Xunta, a quen responsabiliza das devastadoras consecuencias dos incendios deste verán.

“O que vivimos non foi unha traxedia natural, senón a consecuencia directa dunha política forestal fracasada e dunha xestión neglixente por parte da Xunta do PP”, denunciou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrando que o Goberno galego deixou até 11 millóns de euros sen executar destinadas a labores de prevención. “Faltaron planificación, prevención e medios; e sobraron improvisación e propaganda”.

Dende o Bloque cualificaron de “irresponsabilidade” a falla de medios fronte a unha das “máis devastadoras” vagas de lumes da historia recente de Galiza, que deixou 140.000 hectáreas queimadas (segundo datos do sistema europeo Copernicus), con millares de familias afectadas, vivendas e explotacións agrarias destruídas, un impacto ambiental “irreparábel e unha dor colectiva que non podemos aceptar como algo inevitábel”.

“Rueda non aprendou nada” da vaga de lumes de 2017

Igrexas lamentou que o Goberno galego do PP “non aprendera absolutamente nada” da vaga de incendios que, en 2017, asolou a área de Vigo, facendo chegar o lume á propia cidade. “Estes lumes volven deixar rotundamente claro que non podemos continuar así; a catástrofe deste agosto debe marcar un antes e un despois”, reclamou o portavoz municipal nacionalista.

Por este motivo, o BNG esixe na súa moción que se depuren responsabilidades políticas, nomeadamente de Alfonso Rueda. “Non pode continuar a presidir o Goberno galego quen coa súa incompetencia e neglixencia converteu a vaga de lumes nunha catástrofe que se podía ter evitado”, defendeu Igrexas, afeando a “cero autocrítica” e a “negación cínica e insultante do alcance dos lumes e das súas consecuencias”, mostrada polo presidente galego durante a súa comparecencia deste martes no Parlamento de Galiza.

Cambio estrutural na política forestal

A fronte nacionalista traslada varias propostas concretas para un “cambio estrutural na política forestal e territorial” de Galiza. Entre elas, a creación dun Fondo de Recuperación Económica, Social e Ambiental Xunta-Estado con axudas directas para as persoas afectadas e para a economía local; a posta en marcha dun Plan de Emprego Verde para restaurar as áreas queimadas e recuperar a biodiversidade; a moratoria inmediata e indefinida a novas plantacións de eucalipto e a aposta por un monte multifuncional; e a revitalización socioeconómica do rural como mellor garantía contra os lumes.

Aliás, o Bloque chamou a un reforzo urxente dos servizos públicos de prevención e extinción: con máis brigadas, medios adecuados e condicións laborais dignas. A ese respecto, o voceiro municipal trasladou o “recoñecemento e agradecemento á entrega heroica” dos efectivos, servizos de emerxencia, veciñanza e persoas voluntarias que loitaron contra os lumes este agosto.

Anel Verde en Vigo

A moción nacionalista recolle tamén tarefas para o Goberno municipal de Abel Caballero, a quen demanda que lidere a execución do prometido Anel Verde en Vigo, en cooperación con outras Administracións e coa propia Mancomunidade de Montes. Unha medida que, defendeu Igrexas, resulta “esencial” para protexer a cidade fronte a futuros lumes forestais.

“Os montes son o verdadeiro pulmón verde de Vigo, abandonalos como fan a Xunta do PP e o Goberno de Caballero é un suicidio ambiental e tamén un claro risco para a seguridade de todas e de todos”, afirmou o portavoz municipal do Bloque.

Manifestación nacional o 14 de setembro

Dende o BNG fixeron ademais un chamamento á cidadanía viguesa para participar na manifestación nacional convocada pola Plataforma Galega ‘Por un monte galego con futuro’, e apoiada por máis de 60 organizacións e colectivos, para este domingo o 14 de setembro (ás 12h da mañá desde a Alameda de Santiago de Compostel) baixo o lema “A política forestal da Xunta é quen nos queima! Lumes Nunca Máis”.

Comparte este artigo