A fronte nacionalista acusa a populares e socialistas de utilizar as institucións como “trincheiras partidistas” e esixe que a cidade non sexa refén das súas disputa
Critica a negativa “infantil” de Caballero a asinar publicamente os convenios, pero cualifica de inaceptábel que o Partido Popular condicione os investimentos a unha foto co Alcalce
Xabier P. Igrexas: “ Non podemos aceptar que a señora Sánchez pretenda facer a súa campaña electoral como candidata á Alcaldía, aínda por confirmar polo seu propio partido, apalancándose na Deputación e utilizando os seus recursos como propaganda partidista”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo vén de rexeitar a ameaza velada da vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e presidenta local do Partido Popular, Luísa Sánchez, de condicionar a achega provincial de 1,7 millóns de euros para a humanización da rúa Rosalía de Castro á celebración dun acto público de sinatura do convenio co Concello de Vigo.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, cualificou de “inaceptábel” que o Goberno provincial do PP pretenda utilizar os recursos da Deputación como instrumento de presión política e advertiu de que os investimentos que precisa a cidade non poden depender dunha fotografía institucional.
“A atención ás necesidades das viguesas e dos vigueses, os investimentos que precisa a cidade, non poden estar subordinados á fobia ou á adicción a un selfie. Xa abonda de tanta frivolidade”, afirmou.
Igrexas criticou tamén a actitude do alcalde Abel Caballero, considerando “infantil e irresponsábel” a súa negativa a asinar con normalidade institucional un acordo con outra administración, como xa fixo noutras ocasións. Porén, Igrexas asegurou que resulta “aínda máis infantil, irresponsábel e, sobre todo, inaceptábel” que o Partido Popular ameace con impedir que Vigo reciba recursos provinciais se non se produce unha fotografía pública da sinatura.
Uso partidista dos investimentos
Desde o Bloque subliñan que os recursos que a Deputación debe transferir ao Concello de Vigo non son un “agasallo” do Partido Popular. “Temos que dicirlle con toda a contundencia á señora Luísa Sánchez que os recursos da Deputación non son unha concesión graciosa nin potestativa do Partido Popular. Non son un agasallo. Son os recursos que lle corresponden á maior cidade da provincia e do conxunto da Galiza”, defendeu Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista advertiu ademais de que non se pode permitir que a institución provincial recupere prácticas propias doutras etapas. “Non podemos consentir que a Deputación volva aos escuros tempos do ‘Louzanato’, nos que o PP decidía de maneira caciquil o uso dos recursos que deben chegar a todos os concellos, entre eles Vigo”, afirmou.
Igrexas acusou tamén a presidenta local do PP de pretender utilizar a Deputación como plataforma de promoción persoal. “Non podemos aceptar que a señora Sánchez pretenda facer a súa campaña electoral como candidata á Alcaldía, aínda por confirmar polo seu propio partido, apalancándose na Deputación e utilizando os seus recursos como propaganda partidista”, reprochou.
Incrementar as achegas
O BNG aproveitou para reiterar a demanda trasladada no último Pleno da Deputación para actualizar e incrementar as achegas económicas que reciben Vigo e Pontevedra, que permanecen conxeladas desde hai anos.
A fronte nacionalista denuncia que esta situación provoca que existan concellos de menos de 15.000 habitantes que perciben máis financiamento provincial que as dúas cidades da provincia.
O BNG insistiu en reclamar responsabilidade institucional ao PP e ao PSOE para que Vigo deixe de ser utilizado como escenario da súa confrontación partidista e para garantir que os investimentos necesarios para a cidade se executen sen condicionantes alleos ao interese xeral.

