Home O Morrazo Marín O BNG salienta o respaldo veciñal de abrir Marín ao Mar

O BNG salienta o respaldo veciñal de abrir Marín ao Mar

0
2

Marín continúa vivindo de costas ao mar pese a existir aval normativo e exemplos noutras cidades onde xa se avanzou na apertura da fachada litoral. Fronte a esta situación, o BNG presentou alternativas concretas e viables para recuperar espazos, abrir a vila ao mar e mellorar a calidade de vida. O goberno municipal do PP optou por votar en contra destas propostas

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou o pasado venres 30 de xaneiro, nun acto que contou cunha ampla asistencia da veciñanza, unha idea de futuro da iniciativa “Abrir Marín ao mar”. Unha proposta materializada que amosa como podería transformarse a fachada marítima da vila para facilitar o acceso ao litoral, recuperar espazos actualmente pechados, sen comprometer a actividade socioeconómica das institucións, e avanzar cara a un novo modelo de integración porto-cidade.

A proposta presentada polo BNG contempla a recuperación progresiva de espazos concretos da fachada marítima, mediante a negociación coas institucións implicadas, como parcelas e edificios da Avenida de Ourense, a apertura á vila de determinados espazos exteriores da Escola Naval Militar (ENM) e a cesión definitiva de zonas que actualmente están en uso público mediante convenios temporais coa Autoridade Portuaria.

Como exemplos do modelo defendido, expúxose a transformación do inmoble da Avenida de Ourense nº 86 nun centro sociocultural e a reconversión do edificio de oficinas portuarias situados fronte ao Concello nun gran espazo verde de uso público, incorporando solucións de aparcadoiro en altura ou soterrado. Estas actuacións permitirían abrir a vila ao mar ao tempo que contribuirían a aliviar o actual problema de estacionamento en Marín.

No acto interviñeron Néstor Rego, deputado no Congreso dos Deputados, e Lucía Santos, portavoz do grupo municipal do BNG en Marín, quen destacaron que “Abrir Marín ao mar” conta xa con aval político e marco normativo suficiente, tanto a nivel estatal como europeo. Lembraron que no Congreso dos Deputados a iniciativa non atopou unha oposición frontal por parte do Partido Popular (PP), que optou pola abstención, e que existen precedentes noutros concellos de distinto signo político, incluídos concellos gobernados polo PP, como Ferrol, onde se están a executar proxectos de integración porto-cidade.

Neste contexto, desde a formación nacionalista sinalouse a incoherencia do goberno municipal do PP en Marín, que votou en contra da moción presentada para avanzar na apertura da vila ao mar, malia tratarse dunha proposta avalada polo marco normativo vixente e por experiencias xa en marcha noutras cidades. Para o grupo nacionalista, este voto evidencia a falta de vontade política do executivo local para impulsar un proxecto estratéxico que melloraría de forma directa a calidade de vida da veciñanza.

Desde o BNG subliñouse que o respaldo da veciñanza a esta proposta quedou patente tanto na recollida de sinaturas iniciada o pasado mes de decembro, que continúa aberta, como na ampla asistencia ao acto público celebrado en Marín, evidenciando que “Abrir Marín ao mar” é unha demanda social real e compartida. O BNG avanzou que continuará traballando e exercendo presión política e social para que este proxecto estratéxico deixe de ser papel mollado e se converta nunha realidade para a veciñanza de Marín.