O BNG solicita bautizar o pavillón de Carballedo como “Xosé Luís Bouzas Ambroa, ‘O Rubio’”

adminON
Lectura mínima de 3

Ernesto Filgueira insta, ademais, a levar a cabo unhas xornadas  deportivas e de divulgación sobre a súa traxectoria a prol do deporte e  dunha sociedade máis xusta e igualitaria 

O BNG, facéndose eco de peticións veciñais e de colectivos vencellados ao deporte, vén de  presentar unha moción para denominar como “Xosé Luís Bouzas Ambroa, ‘O Rubio” o pavillón  municipal de Carballedo. 

‘O Rubio’ foi unha persoa que xerou en vida e continúa a xerar un enorme consenso social, 

Xosé Luís Bouzas Ambroa destacou polo fomento do deporte e dos valores deportivos a nivel  local. O seu papel foi decisivo na posta en marcha na década dos 90 do primeiro clube de fútbol sala feminino, convertíndose en todo un referente da igualdade real entre homes e mulleres  tanto a nível municipal como a nível galego, nunha época onde non era habitual este tipo de  iniciativas que apostaban por unha sociedade máis xusta, solidaria e igualitaria. 

Os equipos de fútbol-sala Deportivo Loureiro FS masculino, creado en 1994 ou o Deportivo  Loureiro FS feminino, creado poucos anos despois foron das súas primeiras contribucións no  ámbito deportivo, máis non as últimas. A comezos do 2000 fai parte da fundación do equipo  feminino “Forno de Barro”, que logo pasará a denominarse “Tenorio Fútbol-Sala Feminino”,  único equipo de mulleres do Concello. E a partir de 2008, o Tenorio Fútbol-Sala Masculino. 

“O nome de ‘O Rubio’ xera e fomenta a unión veciñal e o seu labor a prol da igualdade, da  xustiza, do deporte, e en xeral da sociedade das terras do Canón de Pau fano digno merecedor  de ser lembrado como un referente veciñal que traballou arreo polo desenvolvemento social e  deportivo de Cerdedo-Cotobade”, afirmou o portavoz do BNG, Ernesto Filgueira. 

Desde o BNG propoñemos, pois, que nada mellor para homenaxear a un home fundamental na  vida social e deportiva de Cerdedo-Cotobade, que o pavillón de Carballedo pase a denominarse  PAVILLÓN XOSÉ LUÍS BOUZAS AMBROA, ‘O RUBIO’, así como que desde o Concello se leven a  cabo unhas xornadas deportivas e divulgadoras do traballo e da fonda pegada que deixou o  noso veciño na historia local.

Comparte este artigo