HomePontevedraO SalnésO BNG solicita que o concello de Sanxenxo destine fondos para para...

O BNG solicita que o concello de Sanxenxo destine fondos para para garantir a continuidade das festas patronais de Vilalonga

- Anuncio -spot_img

O edil Octavio González trasladou esta petición ao alcalde no Pleno ordinario do pasado luns, logo de que se confirmase a disolución a Comisión de Festas hai apenas uns días

Desde o Bloque recordan que a Administración local xa conta con partidas específicas para poder custear os programas das festas de Santa Rosalía, San Xenxo ou as de Portonovo, polo que “non pode haber veciños e veciñas de primeira e de segunda”

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo propón que sexa o Concello o que asuma a organización dos festexos patronais en Vilalonga, despois de que hai poucas semanas se anunciase a disolución definitiva da Comisión de Festas. A devandita disolución veu provocada pola ausencia de relevo da directiva. Este asunto foi abordado no último Pleno ordinario, celebrado o pasado luns, no que o concelleiro nacionalista Octavio González trasladou ao alcalde unha pregunta sobre a posibilidade de que sexa o Goberno local quen se encargue de garantir futuras programacións lúdicas en Vilalonga. Ata a súa desaparición, a Comisión de Festas organizaba eventos de gran relevancia para a localidade, como as Festas de San Pedro, San Roque o as do Carme, ademais de distintas actividades pensadas para persoas de todas as idades.

Tal e como lembrou o propio González, na actualidade o Concello xa asume a organización das festas patronais de San Xenxo e Santa Rosalía, así como as de San Roque en Portonovo. O edil do Bloque deu traslado desta proposta facéndose eco da “fonda preocupación” que existe na parroquia de Vilalonga, ante a posibilidade de que unhas celebracións con tanta historia e relevancia deixen de organizarse. “Non hai que esquecer que as Festas de San Pedro adoitaban a atraer á parroquia un gran número de visitantes, tanto doutros lugares de Sanxenxo coma de concellos e vilas da bisbarra, grazas a programacións que incluían diferentes propostas e actuacións de artistas e orquestras de primeiro nivel”, explicou Octavio González.

Neste sentido, o BNG ten claro que “en Sanxenxo non pode haber veciños e veciñas de primeira ou de segunda. Se o Concello é quen de asumir as festas noutras parroquias, tamén debería facelo en Vilalonga”. De feito, no Orzamento aprobado no último Pleno hai unha partida específica para as Festas de Portonovo, polo que os nacionalistas entenden que tamén é necesario que o Goberno municipal destine cargos para garantir as celebracións na parroquia de Vilalonga.

Desde o Bloque tamén quixeron recoñecer e poñer en valor o traballo realizado polas persoas que formaron parte da Comisión de Festas ao longo destes anos. “Grazas ao seu esforzo a parroquia contou con algunhas das programacións máis importantes do calendario de festexos de verán na comarca do Salnés, sendo un motor dinamizador moi importante para a actividade comercial e hostaleira da localidade”.

Publicacións Relacionadas