A formación nacionalista presentou a campaña “Mellor Local, Mellor galego” para incentivar o consumo de proximidade.
Militantes e simpatizantes realizarán un reparto informativo polos establecementos da Estrada este venres.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) instou á Xunta de Galicia a impulsar de xeito urxente unha nova Lei de Comercio co obxectivo de blindar o futuro do pequeno comercio galego. Esta proposta enmárcase na campaña nacional “Mellor Local, Mellor galego”, presentada pola voceira nacional, Ana Pontón, coa que se reivindica un incremento de 20 millóns de euros nas partidas dos Orzamentos da Xunta destinadas a este sector.
Un sector estratéxico en situación de vulnerabilidade
Desde o BNG advírtese da complexa situación que atravesa o tecido comercial, que rexistra unha perda media de cinco establecementos ao día en Galiza. Ante esta realidade, a formación nacionalista defende un cambio de modelo que inclúa:
- Unha moratoria inmediata á instalación de novas grandes superficies.
- O fomento de políticas de compra pública responsable.
- Un incremento de 20 millóns de euros no apoio directo ao pequeno comercio.
Acción de proximidade na Estrada
No ámbito local, o BNG da Estrada quixo salientar o papel do comercio como motor económico e social do concello. O voceiro municipal, Xoán Reices, destacou que os negocios locais son os que “dan vida ás rúas e garanten un modelo máis sostible”.
Como parte desta iniciativa, o vindeiro venres o BNG da Estrada desenvolverá unha acción de apoio na que militantes e simpatizantes da organización realizarán un reparto de material informativo da campaña “Mellor Local, Mellor galego” polos comercios da vila. O obxectivo é animar á veciñanza a realizar as súas compras nos establecementos de proximidade, lembrando que cada compra axuda a manter viva a economía municipal.



