O BNG teme que Telmo Martín convirta a xestión do lixo nun novo episodio como o da expropiación das chungas

Redacción
Lectura mínima de 5

Os nacionalistas salientan que “sempre estaremos a favor da municipalización de servizos”, pero denuncian “o escurantismo e a falta de información” por parte do alcalde sobre a decisión de que o Concello descarte a adxudicación da recollida de residuos e asuma a xestión directa da prestación, e temen que isto conleve futuras sentenzas xudiciais adversas

O Bloque denuncia que a nefasta xestión de Telmo Martín e da súa política de formigón queda máis que reflectida no abandono absoluto do rural, onde, precisamente, o servizo de recollida leva anos funcionando de xeito “absolutamente deficiente”

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo abstívose hoxe no punto da orde do día do Pleno ordinario na que se debateu sobre a decisión do Goberno local de que o Concello asuma de xeito directo a recollida de residuos sólidos e urbanos, limpeza viaria e de praias, deixando en suspenso o proceso de adxudicación pendente. O voceiro nacionalista, Octavio González Fernández, deixou claro durante a súa intervención que “no BNG dicimos si á municipalización de servizos básicos, pero non podemos votar a favor dunha maneira de facer as cousas por parte do alcalde que non ten nin pés nin cabeza”. O concelleiro do Bloque amosou a súa preocupación pola forma de actuar de Telmo Martín, totalmente opaca e escurantista, na que “falta moita información, algo que xa vén sendo habitual no seu ‘modus operandi’, e carente de contido”. Neste senso, González Fernández recoñeceu a preocupación que provoca esta maneira de proceder do Partido Popular, paralizando un proceso de adxudicación ao que concorreron máis de media ducia de empresas. “Moito nos tememos que isto pode acabar como coa expropiación da parcela das Cunchas: cunha sentenza xudicial que leve consigo o pago de contías millonarias e que teña que ser asumido por futuras Corporacións e, polo tanto, por toda a veciñanza, algo que Telmo Martín xa provocou máis veces coa súa política de cemento e formigón”, sinalou o voceiro do BNG.

O alcalde non foi quen de aclarar se este cambio na xestión vai supoñer cambios nas taxas nin que vai ocorrer no rural, onde a situación deste servizo, ao igual que sucede co mantemento e o asfaltado, “é de absoluto abandono. Telmo Martín ten un suspenso rotundo, cunha xestión moi deficiente, que non hai por donde collela”, asegurou Octavio González, que ten claro que este proceso “cheira a máis do mesmo”. O voceiro nacionalista sinalou que “é sintomático que o alcalde na súa intervención plenaria só falase do servizo de recollida durante o verán e na limpeza de praias, deixando á marxe o rural.

Unha situación que se vén agravando co paso dos anos, con contedores en pésimo estado e unha recollida que non é suficiente, tal e como trasladan moitos veciños e veciñas”, engadiu.
“O que mal empeza, mal acaba”, augurou Octavio Fernández González, que tamén amosou a súa preocupación polo feito de que “nada se sabe que vai acontecer co mantemento dos contedores ou se vai haber accións para facilitar o servizo á hostalería. Tampouco hai pretensión de facer campañas de sensibilización nos centros educativos. Hai moi pouca información e moito nos tememos que o trato ao rural continuará sendo igual de vergoñento que ata o de agora”, finalizou o edil. Con todo, o edil tendeu a man ao Goberno local para “traballar todos os grupos da Corporación unidos para que haxa un acordo axeitado, porque isto queda para futuras Corporacións”.

Despedida do secretario municipal, Ángel Luis López Pita

Por outra banda, o BNG quere recoñecer publicamente o labor realizado durante os últimos 17 anos pr parte do secretario municipal, Ángel Luis Pita, que asistiu hoxe a seu derradeiro Pleno, antes da súa xubilacióno.
Os nacionalistas salientan a súa dedicación, esforzo e predisposición durante todo este tempo e transmítenlle os seus mellores desexos nesta nova etapa vital que agora comeza.

Comparte este artigo