Fariña critica que o Ministerio non só non acomete a necesaria e urxente humanización das estradas, senón que as mantén nun estado lamentábel
As estradas N-550 e N-640 ao seu paso polo centro de Caldas presentan a día de hoxe un aspecto de total abandono. A falta de mantemento, unido ao intenso tráfico pesado que soportan, fai que estén inzadas de grandes fochancas, que temos que padecer as veciñas e veciños.
O BNG insta ao Ministerio de Transportes a que deixe dunha vez por todas a súa política de deixadez e abandono con Caldas. Non nos merecemos tanto desleixo. O Ministerio non só non acomete a necesaria e urxente humanización destes viais, calmando o tráfico e mellorando a súa seguranza viaria, senón que nen sequera fai o mínimo mantemento das súas infraestruturas.
“Resulta lamentábel que diante dunha situación de abandono que clama ao ceo, o alcalde nin está nin se lle espera. Caldas non se merece un alcalde submiso, calado e incapaz de esixir ás administracións competentes que cumpran coa súas obrigas e manteñan os seus viais en perfecto estado”.



