A deputada Montse Prado esixe ao Goberno de Rueda que escoite o clamor social das miles de persoas que reclaman responsabilidades e rectificación
O BNG urxe medidas para mellorar a sanidade pública na área sanitaria de Vigo, da que dependen 26 concellos e arredor de 600.000 persoas. A portavoz de Sanidade do Bloque, Montse Prado, esixe ao Goberno de Rueda que escoite o clamor das miles de persoas que o pasado 16 de xaneiro se manifestaron nas rúas da cidade olívica para reclamar responsabilidades pola xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro e outros centros sanitarios da zona.
“A poboación pide responsabilidades por ter (A Xunta do PP) dilapidado millóns de euros públicos en vez de investilos na Sanidade Pública, e rectificación nestas políticas”, expresou Prado, que enumerou un a un os 26 concellos adscritos á área sanitaria de Vigo e referiuse ás máis de 60.000 mil persoas que saíron á rúa para advertirlle ao PP que “xa non pode tapar con mentiras o atraco ás arcas públicas” que fixeron coa construción do CHUVI e que quedaron evidenciadas na Comisión de investigación.
“O BNG volvería impulsar se puidese porque si que respondeu aos intereses agardados, malia os “atrancos que puxeron e a que non facilitaron documentación”, engadiu.
A deputada nacionalista acusa o PP de ser responsable de decisións que impiden ofrecer asistencia sanitaria axeitada na área de Vigo porque “teñen un hospital máis pequeno, porque as urxencias e o hospital de día son insuficientes ou porque na atención primaria non se fixeron as actuacións necesarias”, argumentou.
É por iso que, entre as demandas da iniciativa presentada polo BNG na Comisión 5ª están a do rescate do Álvaro Cunqueiro para integralo no sistema de saúde público Prado lembrou nestes punto que o PP xa tivo ocasión de rescatalo polo incumprimento da concesionaria na que nun principio estaban empresarios como Florentino Pérez ou destacados referentes do PP como Tomás Pérez Vidal, Luis de Guindos ou Telmo Martín, que, despois de “quitarlle a parte máis xugosa do negocio, non tiveron problema en venderllo a unha multinacional que o único que busca é o lucro sen importar a calidade”, manifestou.
Así mesmo, o BNG reclama a ampliación do novo hospital vigués, que debe incluír as infraestruturas que non se construíron no proxecto inicial como a Unidade de Coidados Mínimos, a Unidade de Docencia e Investigación, e a Unidade de Rehabilitación.
Tamén pide poñer a pleno rendemento as 422 camas do Hospital Meixoeiro e as 117 do Hospital Nicolás Peña para cubrir a demanda asistencial e mellorar a atención hospitalaria na área.
Para o BNG é tamén preciso a creación dun servizo de Cirurxía Máxilo-Facial completo e dunha Unidade de Queimados e a recuperación e mellora da atención primaria para poder reducir as listas de agarda e mellorar a atención ás persoas doentes.
Tamén se reclamaba a reordenación asistencial na área de Vigo, en concreto, solicítase a construción dun Centro de Alta Resolución (CAR) no centro de Vigo e outro no Morrazo, así como a ampliación do Centro de Saúde de Cangas e a construción dun novo centro de saúde en Hío, para mellorar a accesibilidade aos servizos sanitarios.
Por último, na iniciativa pedíase a integración das actividades asistenciais da empresa de servizos sanitario Galaria no Sergas.
“Non pode quedar impune que a cidadanía paguemos 470.469.422 millóns de euros de máis á sociedade concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro, nin que haxa un hospital máis pequeno, que non responde ás necesidades da Área Sanitaria e que se manteña ou mesmo aumente da sanidade privada na Área sanitaria”, remachou.
O último exemplo desta deriva cara á privada constátase na intención do Sergas de incrementarlle a POVISA o diñeiro que recibe do organismo público nun 20%, pasando de 80 a 100 millóns ao ano.
Insulto á intelixencia
Na súa quenda de réplica quixo comentar as palabras do conselleiro de Sanidade coas que manifestou esta semana que a xente maior manexa aplicación do Sergas “que te cagas” para cualificar a súa intervención de “insulto á intelixencia” e recomendarlle a continuación que “debería pedir perdón porque os nosos maiores precisan respecto e este tipo de intervencións non están á altura do cargo de conselleiro”.

