HomePontevedraO BNG urxe unha alternativa habitacional para as 21 persoas ameazadas de...

O BNG urxe unha alternativa habitacional para as 21 persoas ameazadas de desaloxo da pensión máis antiga de Vigo

- Anuncio -spot_img

Afea a “violencia institucional” do Concello e da Xunta contra a vintena de inquilinos en situación de vulnerabilidade social da pensión Nosa Señora do Carmen

Xabier P. Igrexas: “É unha tomadura de pelo que a única opción que lles ofrezan sexa buscar un alugueiro nunha cidade con prezos imposíbeis por riba dos 700 euros mensuais de media”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) urxe unha alternativa habitacional para as 21 persoas ameazadas de desaloxo da pensión Nosa Señora do Carmen de Vigo. Así o reclamou este luns o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, despois de manter unha xuntanza con persoas afectadas e representantes da Federación Veciñal Eduardo Chao (Favec) diante da falla de solucións por parte do Goberno de Abel Caballero e da Xunta de Galiza do PP.

Igrexas afeou a “violencia institucional” de ambas administracións por non ofrecer ningunha solución para a vintena de inquilinos, en situación de vulnerabilidade social e sen apenas ingresos, da pensión máis antiga de Vigo. “É unha tomadura de pelo que a única opción que lles ofrezan sexa que busquen un alugueiro nunha cidade con prezos imposíbeis”, criticou.

Dende o Bloque tacharon de “indecente” a inacción dos Gobernos municipal e galego para dar unha alternativa a 21 persoas que hoxe teñen teito e que, de non solucionarse, van acabar na rúa a final de ano. “Onde van atopar un alugueiro, como van poder afrontalo?”, cuestionou Igrexas, lembrando que o alugueiro superou xa os 700 euros mensuais de media na cidade, cun incremento de máis dun 35% no último lustro.

Unha situación que, a xuízo do portavoz nacionalista, é unha evidencia máis da situación de “emerxencia habitacional” que se vive na cidade, con un desafiuzamento rexistrado cada tres días e con 60.000 persoas en risco de exclusión social, segundo o índice Arope. A ese respecto, alertou de que outras 24 familias de Vigo teñen nestes momentos orde para ser desaloxadas por imposibilidade de asumir o pago do alugueiro da súa vivenda.

Parque público de vivenda social

A fronte nacionalista insistiu na urxencia de que Concello e Xunta poñan dunha vez en marcha un parque público de vivenda social para enfrontar o grave problema social que padece a cidade. Nese obxectivo, Igrexas reiterou a proposta de mobilizar as 22.000 vivendas baleiras que existen na actualidade en Vigo lamentando que “haxa tantas casas sen xente e cada vez máis xente sen casa”.

O portavoz municipal do BNG rexeitou os anuncios de ambos Gobernos por considerar que se tratan de “medidas aparienciais” a pesar de existir recursos para facer fronte ao problema de acceso á vivenda. Lembrou que o Concello conta cun orzamento superior aos 400 millóns de euros e, un exercicio máis, se prevé que deixe máis de 100 millóns sen executar.

“Se Vigo pode destinar 62 millóns de euros para ser sede do Mundial do fútbol para acoller apenas dous ou tres partidos en Balaídos, o Concello non pode permitir que as viguesas e vigueses non teñan onde vivir”, remachou Igrexas.

No mesmo sentido manifestouse a presidenta da Favec, María Pérez, quen informou de que a entidade veciñal trasladou a ambas administracións a problemática dos 21 inquilinos da pensión Nosa Señora do Carmen sen que teñan recibido ningunha resposta.

Publicacións Relacionadas