A fronte nacionalista expresa a súa “rotunda condena” diante da decisión do Goberno local de expulsar á Federación de Asociacións Veciñais da sede que ocupa hai 30 anos
Xabier P. Igrexas: “Este desaloxo non responde a ningunha necesidade de espazo, é un exemplo máis da permanente ofensiva do alcalde contra toda entidade que discrepe”
O Bloque Nacionalista Galego considera o desaloxo da Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao (Favec) da súa sede “un paso máis na represión” do alcalde, Abel Caballero, en contra o tecido veciñal de Vigo. A fronte nacionalista expresa a súa “rotunda condena” diante da decisión do Goberno local de expulsar do local de titularidade municipal que a Favec ocupa hai tres décadas na praza da Princesa, e que este venres se fixo efectivo de maneira definitiva.
“É un gravísimo paso máis nese réxime de terror antidemocrático que impón o Goberno de Caballero, reprimindo con toda forma de violencia institucional aqueles colectivos, entidades e movementos sociais que teñen a ousadía de expresar as súas opinións, críticas ou as reivindicacións da veciñanza de Vigo”, cuestionou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, após acompañar esta mañá á directiva da Favec no desaloxo.
Igrexas insistiu en que esta decisión constitúe un “evidente caso” de desviación de poder que motivou un recursos de reposición por parte do Bloque, desestimado polo Concello. “Este desaloxo non responde a ningunha necesidade obxectiva de espazo en dependencias municipais”, alertou o voceiro do BNG en relación aos argumentos do Goberno local para resolver o convenio coa Favec, do que aínda restaban anos en vigor.
Para a fronte nacionalista esta expulsión representa “un síntoma máis do moi mal que lle sentou a esta cidade as maiorías absolutas de Abel Caballero”, acusando ao alcalde de “confundir a súa maioría temporal no Pleno cunha especie de ditadura plenipotenciaria onde el se coloca por riba de todo”.
Ameazas e coaccións
O voceiro do BNG lembrou nese sentido que este desaloxo é o último episodio de “represión” contra a Favec por parte do Goberno local, primeiro rompendo a interlocución coa entidade, que agrupa case 40 organizacións veciñais de Vigo, e logo retirándolle “sen xustificación” todas as subvencións municipais. Aliás, a Federación levaba dende 2021 sen retornar á súa sede na Praza da Princesa por unhas obras no inmóbel, malia que os traballos non afectaban ao seu local.
“Esta represión a golpe de ameazas e coaccións que padecen os colectivos da nosa cidade é un comportamento máis propio da dereita reaccionaria que dun goberno que se di progresista”, afeou Igrexas, remarcando a idea de que “democracia é moito máis que votar cada catro anos”.
“Democracia é respectar a pluralidade, o dereito da cidadanía a se organizar, a exercer os seus dereitos fundamentais de asociación, de libre expresión, de trasladar as súas opinións mesmo cando discrepan co Goberno municipal”, defendeu o portavoz do BNG, quen destacou que a súa primeira militancia no movemento veciñal aprendeulle unha importante lección: “En democracia o fundamental é escoitar, sobre todo a quen pensa diferente, algo ao que o actual alcalde Abel Caballero é abertamente alérxico”, remachou.