Montse Prado acusa o Goberno do PP de primar o negocio de empresas amigas aínda que teña que “ciscar” por toda Galiza os usuarios de ‘O Asilo’
A portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento e deputada da comarca do Salnés, Montse Prado, defendeu no Pleno una iniciativa para reclamar á Xunta que merque o Pazo de Montesacro, en Cambados, para que o mesmo pase a propiedade pública e recupere a actividade residencial que mantiña até que as súas propietarias, as Hermanitas dos Ancianos Desamparados, decidise vendelo.
O PP votou en contra da iniciativa nacionalista, confirmando que o Goberno de Rueda “nin protexe ás persoas maiores nin o patrimonio”, denunciou Prado, que criticou que a Administración “non fixese absolutamente nada” diante da posta en venta deste inmoble do século XVIII que funcionaba como residencia de maiores. Consecuencia diso, reprobou, “53 persoas que vivían neste centro están ciscadas por toda Galiza”, reubicadas en residencias da Coruña, Tui, Santiago, Carballo, Vigo ou Viveiro.
Nalgúns casos, denunciou, as familias teñen que desprazarse para ver aos seus maiores máis de 200 quilómetros de ida e outros tantos de volta, nunha viaxe de cinco horas en total.
O sucedido co Pazo de Montesacro, declarado ben de interese cultural no ano 2001, é ademais unha demostración de que o Goberno do PP antepón os intereses de negocio de empresas amigas “vinculadas á banca e ao IBEX 35” ao benestar das persoas maiores. “Os maiores non son mercadoría que recolocar; despois dunha vida de traballo teñen dereito a un vellez digna, preto da súa familia e no seu entorno”, sostivo na súa intervención.
Facéndose eco das informacións publicadas nos medios de comunicación, Prado explicou que a pretensión dos novos propietarios do coñecido como O Asiloé converter o pazo nun hotel de luxo e un espazo gastro, polo que “todo o mundo se pregunta como é posible que alguén invista millóns de euros en mercar unha propiedade que están dentro dun espazo BIC e cualificada de uso asistencial se non ten o compromiso da Xunta, polo tanto do PP, de que vai facerlle a recualificación”. “Parece raro, raro”, subliñou a deputada.
Ademais de mercar para o público o pazo, a iniciativa do BNG reclamaba á Xunta facer valer o dereito de tanteo e retracto, recollido no artigo 49 da Lei de Patrimonio Cultural de Galiza. Como terceiro punto, a proposición non de lei instaba o Goberno galego “toda vez que a autorización de uso é de dotación asistencial, non autorizar cambio de uso nos termos que establece a lei 39 da mencionada lei”.



