O Goberno municipal decidiu clausurar o complexo deportivo do 27 de abril ao 7 de xuño para convertelo en campamento militar previo ao Desfile das Forzas Armadas
A fronte nacionalista vai solicitar a convocatoria extraordinaria e urxente da Comisión Informativa de Deportes, coa comparecencia do concelleiro Manel Fernández, para esixir unha rectificación inmediata
Xabier P. Igrexas: “Non se pode tolerar que o capricho de Caballero de traer este desfile se converta nun castigo para os vigueses e viguesas. As Travesas é un espazo para o deporte, non para un campamento militar”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo denunciou que o Goberno municipal de Abel Caballero decidiu fechar as instalacións do Complexo Deportivo Municipal das Travesas, desde o vindeiro 27 de abril até o 7 de xuño, para seren utilizadas como campamento militar previo ao Desfile do Día das Forzas Armadas. A fronte nacionalista cualifica esta decisión de “inaceptábel” ao deixar sen alternativas reais aos clubs e persoas usuarias que empregan habitualmente estas instalacións.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, advertiu de que o feche obrigará ás entidades deportivas a “tentar buscar ocos noutras instalacións, a costa de prexudicar a outros clubs e reducindo horas de adestramento”, o que terá un impacto directo na práctica deportiva de base na cidade.
Rectificación inmediata
Igrexas cualificou de “delirante” que o deporte vigués “sexa castigado desta maneira por causa dun desfile militar”, e lembrou que esta situación se suma aos feches intermitentes que seguen a producirse nos ximnasios municipais, como no Carme ou no Berbés, así como ao “estado lamentábel” das pistas de atletismo.
“Que sentido ten desaloxar clubs e deportistas dos pavillóns para un uso militar? Este é o retorno positivo que prometía Caballero para Vigo?”, cuestionou.
O BNG vai solicitar a convocatoria extraordinaria e urxente da Comisión Informativa de Deportes, reclamando a comparecencia do concelleiro Manel Fernández para dar explicacións e esixir unha rectificación inmediata desta decisión. “As Travesas é un espazo para o deporte, non para un campamento militar”, subliñou o portavoz municipal nacionalista.
Prexuízos para a cidadanía
Desde o Bloque advirten de que esta situación “non é un feito illado”, senón consecuencia das decisións do Goberno local. É por iso que o BNG reitera o seu rexeitamento a que Vigo sexa sede do desfile, non só por razóns simbólicas ou políticas, senón polos efectos prácticos que xa está a provocar.
“Estamos a ver como un acto de exaltación militarista está a causar prexuízos reais na vida da cidade, afectando servizos públicos e o día a día da veciñanza”, afirmou Igrexas, quen advertiu de que “non se pode tolerar que o capricho de Caballero de traer este desfile se converta nun castigo para os vigueses e viguesas”. “O deporte non pode pagar as consecuencias dun desfile militar”, concluíu.

