O BNG Vigo levará ao Pleno o rexeitamento ao desfile militar e esixe transparencia sobre o seu custe e compensacións á veciñanza afectada

Redacción

A fronte nacionalista denuncia o “carácter militarista e españolista” dunha exhibición que choca co compromiso pacifista da inmensa maioría das viguesas e vigueses

Demanda que se compense á veciñanza polos graves prexuízos que está a padecer por causa dos preparativos do desfile, singularmente o feche de instalacións deportivas

Xabier P. Igrexas:  “O que precisa Vigo non son tanques, cazas militares nin desfiles propagandísticos, senón máis vivenda pública, mellores servizos públicos e políticas que atendan os problemas reais das viguesas e vigueses”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo defenderá no vindeiro Pleno do Concello unha moción de rexeitamento ao desfile das Forzas Armadas previsto para o próximo 30 de maio en Vigo, ao considerar que se trata dun acto “alleo ás prioridades reais da cidade” e incompatíbel coa defensa dunha cultura de paz e co histórico compromiso da sociedade viguesa co “non á guerra”.

A iniciativa, segundo explicou oo portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, cuestiona tamén o forte impacto urbano, ambiental e económico derivado do que será un dos maiores despregamentos militares realizados na Galiza nas últimas décadas, con máis de 3.200 efectivos, centos de vehículos militares, aeronaves de combate e unha ampla exhibición naval e aérea na ría de Vigo.

Igrexas criticou que o Goberno municipal “pretenda converter Vigo nun escaparate de propaganda militarista e españolista, presidido por unha monarquía anacrónica e corrupta, utilizando o espazo público da cidade para unha exhibición completamente desconectada das necesidades sociais da veciñanza”.

“O que precisa Vigo non son tanques, cazas militares nin desfiles propagandísticos, senón máis vivenda pública, mellores servizos públicos e políticas que atendan os problemas reais das viguesas e vigueses”, afirmou o portavoz nacionalista.

Afeccións á veciñanza

A moción do BNG denuncia as importantes molestias e prexuízos que xa está a ocasionar a preparación do desfile, especialmente pola ocupación de instalacións deportivas municipais para usos loxísticos vinculados ao operativo militar.

Nese sentido, a fronte nacionalista demanda que o Concello adopte medidas de compensación para os clubes e persoas usuarias afectadas polos peches, suspensións de actividades e limitacións de uso en ximnasios, pavillóns e outras instalacións deportivas municipais, incluíndo a devolución proporcional das cotas abonadas.

“O Goberno de Abel Caballero non pode permitir que instalacións públicas destinadas ao deporte e ao servizo da cidadanía sexan ocupadas para necesidades militares mentres a veciñanza continúa a pagar por servizos que non poden utilizar con normalidade”, denunciou Igrexas.

Transparencia dos custes

O BNG esixirá tamén transparencia total sobre os custes económicos do desfile, reclamando ao Goberno local que informe de maneira detallada de todos os gastos directos e indirectos asumidos polo Concello, incluíndo dispositivos especiais de seguridade, limpeza, mobilidade, horas extraordinarias de persoal municipal, adecuación de espazos públicos e cesión de instalacións. ”As viguesas e vigueses merecen coñecer o alcance deste dispendio de diñeiro da cidade”, reclama Igrexas.

Para o portavoz municipal nacionalista, “é socialmente inxusto dedicar recursos públicos a financiar un acto de exaltación militar mentres existen necesidades urxentes sen atender na cidade”.

“O goberno de Caballero ten que explicar canto vai custar realmente este desfile ás viguesas e vigueses e por que se prioriza destinar recursos municipais a un operativo militar en lugar de reforzar políticas sociais e servizos públicos”, remachou.

Chamamento á mobilización

A moción inclúe ademais o apoio á manifestación nacional convocada pola Plataforma Galiza pola Paz e outros colectivos sociais baixo o lema “Nin guerra, nin OTAN, nin gastos militares. Paz e soberanía. Non ao desfile militar en Vigo!”, que terá lugar o propio 30 de maio ás 12:00 horas desde Vía Norte.

Desde o BNG apelan á participación cidadá para “defender unha cidade comprometida coa paz, co respecto á soberanía dos pobos e os dereitos humanos fronte á escalada belicista e militarista que alenta o Imperialismo”.

Comparte este artigo