O BNG Vigo pide a Caballero que deixe de tomar o pelo á veciñanza de Teis coa súa “biblioteca fake”

Redacción
Lectura mínima de 6

Denuncia que o proxecto aprobado, do que hoxe se instalou a primeira pedra, só preve unha sala de lectura sen dotación de libros nin profesionais bibliotecarios

A fronte nacionalista insiste en reclamar a rectificación do proxecto de Teis e reiniciar o proxecto de rede municipal de bibliotecas en todos os barrios e parroquias

Xabier P. Igrexas:  “En lugar dunha verdadeira biblioteca o que pretende colar Caballero é unha mini sala de lectura na que, por non haber, non haberá nin exemplares das magníficas novelas das que el é autor”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo volveu esixir ao alcalde, Abel Caballero, que deixe de “tomar o pelo” á veciñanza do barrio de Teis co que definiron como “biblioteca fake”.

Diante do acto de instalación da primeira pedra no que participou esta mañá o rexedor, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou que o proxecto aprobado polo Goberno Local e que foi licitado é en realidade o “dunha sala de lectura sen nada para ler”. Neste sentido, lembrou que o documento, titulado “Proyecto de edificio para uso de sala de lectura”, non cumpre os requisitos técnicos para ser unha biblioteca real, limitándose a un espazo multiusos sen fondos bibliográficos, servizo de préstamo nin persoal cualificado.

De feito, tal e como revelara publicamente a fronte nacionalista nas máis de mil páxinas do proxecto, apenas se menciona a palabra “libros” tres veces, en acotacións xenéricas, e define o espazo como unha “sala de lectura” pensada para actividades diversas como charlas, clases ou exposicións. “Contémplase a sala de lectura como principal actividade, pero pensando nun espazo versátil e diáfano susceptíbel de ser transformado nun salón de usos múltiples”, reza literalmente o proxecto, o que para o portavoz municipal nacionalista evidencia a falta de compromiso cunha biblioteca funcional.

“Após máis de 12 anos de anuncios e promesas, o que se vai construír en Teis é unha sala de lectura e non unha biblioteca, un espazo con mesas e cadeiras pero sen nada para ler”, enfatizou Igrexas.

Por iso, diante das afirmacións desta mañá de Caballero asegurando que a nova dotación en Teis vai ser unha biblioteca “en sentido estrito” (sic) como a Neira Vilas do Calvario, o portavoz municipal do BNG anunciou que van solicitar formalmente que o Concello informe de cantos exemplares vai ter o fondo de libros da biblioteca e canto persoal bibliotecario vai ter asignado. “Caballero non lle di a verdade nin ao médico e as mentiras e contos coa biblioteca de Teis son un exemplo tan clamoroso como indignante”, afeou.

Mini sala de lectura

“En lugar dunha verdadeira biblioteca o que pretende colar Caballero é unha mini sala de lectura na que por non haber non haberá nin exemplares das magníficas novelas das que el é autor”, ironizou Igrexas. Sinalou que o proxecto reduce drasticamente a superficie, pasando dos máis de 1.000 metros cadrados do antigo centro de saúde de Teis a apenas 250. Un tamaño insuficiente segundo os estándares do Mapa de Bibliotecas de Galiza, que establecen que unha biblioteca para a poboación de Teis debería ter, como mínimo, 400 metros cadrados, un fondo de 20.000 libros e documentos, e un cadro de persoal de cinco profesionais.

Porén, o proxecto aprobado polo goberno local non prevé espazos para fondos bibliográficos, mostrador de atención ao público nin áreas de traballo suficientes para persoal bibliotecario. “É evidente que o proxecto aprobado non reúne as condicións técnicas para ser unha biblioteca de verdade”, lamentou Igrexas.

Rede de bibliotecas

Para alén de esixir a rectificación efectiva do proxecto para garantir que a veciñanza de Teis teña a biblioteca que leva máis de 12 anos reivindicando, desde o Bloque demandan reanudar o proxecto de rede de bibliotecas municipais en todos os barrios e parroquias que o propio BNG puxo en marcha, desde o Goberno local en 2011, coa apertura da biblioteca Neira Vilas no Calvario.

“Os estándares internacionais e as recomendacións profesionais fixan que debe haber unha biblioteca pública por cada 15 mil habitantes. Se á Neira Vilas lle sumamos a biblioteca central Juan Compañel, Vigo ten apenas 2 para 300 mil habitantes”, explicou.

Igrexas defendeu que o impulso á rede de bibliotecas é un elemento estratéxico na aposta do BNG por democratizar o acceso social á cultura e poñer fin á “desertización cultural” que padece a cidade por causa das nefastas políticas do Goberno municipal.

Comparte este artigo