Denuncia que as lóxicas esixencias de seguridade están a afogar economicamente as comisións de festas por falla de apoio do Concello
A fronte nacionalista vai solicitar na Comisión Informativa de Festas que se formalicen convenios para evitar que as festas parroquias esmorezan
Xabier P. Igrexas: “Vigo non pode permitirse perder as súas festas. Son cultura, son comunidade e son cidade”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo reclamou ao Goberno municipal a posta en marcha dunha liña estábel de axudas, a través de convenios, que permita garantir a realización das festas parroquiais en toda a cidade e evitar que moitas delas desaparezan.
A fronte nacionalista advirte de que as lóxicas esixencias en materia de seguridade, necesarias para o correcto desenvolvemento das celebracións, están a converterse nunha “asfixia económica” para as comisións de festas, que ademais perderon unha das súas principais fontes de financiamento, como eran as atraccións.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, alertou de que se trata dunha “situación límite” que pon en risco celebracións cun forte enraizamento veciñal e que constitúen “unha expresión viva da nosa cultura popular”.
Convenios e apoio real
Igrexas criticou que, malia os anuncios realizados polo alcalde Abel Caballero o pasado verán, “a día de hoxe aínda non se fixeron efectivas as compensacións económicas comprometidas”, polo que urxiu a establecer un marco de apoio estábel que dea seguridade ás comisións organizadoras.
“Do mesmo xeito que o Concello financia outros eventos culturais e festivos, non pode seguir castigando coa súa inacción as festas dos nosos barrios e parroquias”, subliñou.
Neste sentido, o BNG defende a formalización de convenios que permitan garantir a continuidade destas celebracións e mesmo recuperar aquelas que levan anos sen poder celebrarse, como a Festa da Xuventude de Balaídos.
Garantir o futuro das festas
A fronte nacionalista tamén reclamará esta cuestión na vindeira Comisión Informativa de Festas, insistindo na necesidade de que o Concello coopere coas comisións para asegurar o cumprimento da normativa de seguridade sen comprometer a viabilidade económica das festas.
“Se hai convenios para financiar procesións relixiosas, ten que habelos tamén para as festas populares que forman parte da identidade de Vigo”, afirmou Igrexas. Neste sentido, puxo en valor que as festas parroquias realízanse grazas ao compromiso da veciñanza, o apoio do pequeno comercio e o esforzo das propias comisións.
Desde o BNG reclaman “menos anuncios e máis feitos” para garantir o futuro destas celebracións. “Vigo non pode permitirse perder as súas festas. Son cultura, son comunidade e son cidade”, concluíu.

