Comunidade de Montes e asociación de veciños de San Andrés homenaxearán a unha persoa da parroquia pola súa traxectoria social ou vital
O campo da festa de Figueirido acollerá este domingo a III Comida de Confraternidade organizada na parroquia pola Comunidade de Montes e a Asociación de Veciños San Andrés, coa colaboración do Concello.
O xantar e a animación musical a cargo do grupo Azabache son a excusa das asociacións organizadoras para preparar de xeito anual un evento que busca favorecer a convivencia entre a veciñanza de Figueirido, un obxectivo que conseguen tamén co recoñecemento a unha persoa que teña destacado pola súa aportación vital ou social á comunidade.
O nome da persoa galardoada este ano será desvelado antes do xantar, ás 14 horas, momento no que a organización lle fará entrega dun agasallo. Este recoñecemento recaeu o ano pasado na persoa máis lonxeva de Figueirido, José Portela Canosa, que hai unhas semanas cumpría os cen anos. “Pepe o Ferreiro” acompañará nesta edición á persoa distinguida e compartirá anécdotas con todos os asistentes.