– A alcaldesa, Digna Rivas, presentou esta tarde os traballos de mellora no Campo de Santa Mariña á Vicepresidenta da Deputación Provincial, Luísa Sánchez. Trátase dun proxecto valorado en case 250.000 euros para a renovación integral dos vestiarios, almacén e outras instalacións, ao abeiro do II Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación.
– O proxecto inclúe a substitución de toda a iluminación por tecnoloxía LED en todos os campos de fútbol e pistas de tenis anexas. Isto vai permitir unha mellora na iluminación e unha importante redución no consumo. Esta aposta pola eficiencia enerxética suporá un aforro de máis de 30.000 euros anuais para as arcas municipais.
A alcaldesa, Digna Rivas, presentou esta tarde os traballos de mellora previstos no Campo de Santa Mariña á Vicepresidenta da Deputación Provincial, Luísa Sánchez. Trátase dun proxecto valorado en 249.386 euros para a renovación integral dos vestiarios, oficinas e almacén, así como nova iluminación LED nos campos. A alcaldesa expúxolle á responsable de Deportes da Deputación o proxecto que o Concello de Redondela presentou ao II Plan de Infraestruturas Deportivas do ente provincial.
A alcaldesa, acompañada dos concelleiros de Deportes e Urbanismo, Iván Valles e Antonio Cabaleiro, explicou que os vestiarios necesitan un importante acondicionamento tanto da pintura e superficie como dos sanitarios, fontanaría, carpintaría e cuberta. “As instalacións están en mal estado debido ao uso e ao paso do tempo”, explica Rivas. O proxecto inclúe tamén a mellora da contorna exterior dos vestiarios, coa renovación das beirarrúas exteriores e os accesos. Na chaira existente na parte posterior e no lado dereito dos vestiarios proxéctase a realización dun recheo e asfaltado. A reforma afecta a todos os vestiarios, aseos e lavabos, sala de fisioterapia, zona da lavandaría, sala de caldeira, local social e almacén. Colocarase novo pavimento antiescorregadizo, substituiranse as xanelas e as portas. Realizarase unha nova instalación de fontanaría e farase a impermeabilización da cuberta .
Aposta pola eficiencia enerxética
O proxecto inclúe a substitución de toda a iluminación actual dos campos de fútbol e as pistas de tenis anexas por tecnoloxía LED . Isto vai permitir unha importante redución no consumo eléctrico, cun aforro de máis de 30.000 euros anuais. A alcaldesa explica que este proxecto vai na liña da estratexia do Concello, que aposta pola eficiencia enerxética, un plan que xa se vén aplicando nos últimos anos. En 2024 renovouse o sistema de iluminación nos cinco pavillóns municipais, cun aforro medio de 15.000 euros ao ano na factura eléctrica grazas á tecnoloxía LED. Tamén se está a traballar na modernización da iluminación pública. Ata o de agora substituíronse 1.700 farois en camiños de todas as parroquias, e o obxectivo é continuar paulatinamente coa renovación de todas as instalacións do alumeado público.