O Castro British International School ultima os preparativos para acoller a caravana de La Vuelta 25 durante a etapa 16, que se celebrará o próximo 9 de setembro e recorrerá 168 quilómetros entre Poio e o Castro de Herville (Mos). O colexio británico, situado no Concello de Mos, será a sede da Sala de Prensa e do Taller Škoda, o que supón que recibirá a máis de medio centenar de xornalistas nacionais e internacionais que darán cobertura a esta cita deportiva de proxección mundial.
A etapa converterá a Mos nun punto estratéxico de seguimento para medios e afeccionados. Aínda que o alumnado regresará ás aulas o luns 8 de setembro, o colexio permanecerá cerrado o martes día 9 para retomar a súa actividade lectiva normal o mércores día 10.
“Estamos moi entusiasmados de poder sumarnos ás múltiples entidades e institucións que fan posible un evento deportivo da magnitude de La Vuelta Ciclista a España, que durante tres semanas recorrerá diferentes puntos da xeografía española”, afirma Chris Long, director de O Castro British International School.
Parque Vuelta: unha experiencia para toda a familia
O colexio anima a todas as familias da súa comunidade educativa a gozar da xornada desde o Parque Vuelta, que se instalará na Avenida de Sanguiñeda e permanecerá aberto ao público o día da etapa de 16:30 a 21:00.
O recinto ofrecerá actividades para todas as idades, espazos interactivos e pantallas xigantes onde se poderá seguir o desenvolvemento da etapa en directo, nunha experiencia única para pequenos e maiores.
Reporteiros por un día
Ademais, O Castro British Internacional School tramitou una petición á organización de La Vuelta 25 para que un grupo dos seus estudantes teñan a oportunidade de vivir a proba ciclista desde dentro como reporteiros por un día. A idea é que durante a xornada estes alumnos poidan realizar entrevistas, recompilar información e elaborar pezas informativas para posteriormente compartir co resto da comunidade escolar, poñendo en práctica as súas habilidades de comunicación, investigación e traballo en equipo.

