O CEIP Mestre Martínez Alonso recibe o segundo premio da categoría de Infantil e Primaria nos “Premios Alianza STEAM por el talento femenino, niñas en pie de ciencia”

Redacción
Lectura mínima de 3

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañou á alumna e as profesoras do centro que asistiron ao acto de entrega das distincións en Madrid

O Concello de Mos celebra o novo recoñecemento obtido polo CEIP Mestre Martínez Alonso, galardoado co segundo premio na categoría de Educación Infantil e Primaria nos ‘Premios Alianza STEAM por el talento femenino, niñas en pie de ciencia’, convocados polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañou ao equipo do centro no acto oficial de entrega dos galardóns, presidido polo secretario de Estado de Educación, Abelardo de la Rosa, quen fixo entrega dos premios nas categorías de Infantil e Primaria, Secundaria, Formación Profesional e entidades e organizacións.

O premio recoñece o proxecto do CEIP Mestre Martínez Alonso baseado na creación dunha marca de roupa ecosostible mediante talleres STEAM, unha iniciativa que combina creatividade, innovación, igualdade e aprendizaxes científico-tecnolóxicas desde idades temperás.

Obxectivo dos premios

Tal e como destacou o secretario de Estado, estes premios teñen como finalidade achegar ás nenas ás disciplinas científico-tecnolóxicas e contribuír ao peche da fenda de xénero que continúa existindo neste ámbito. A convocatoria recoñece proxectos educativos, materiais curriculares e innovacións que fomentan entre as alumnas as vocacións STEAM.

Categorías e dotación económica

Os galardóns distribúense en cinco categorías:

·         Educación Infantil e Primaria

·         Educación Secundaria e Bacharelato

·         Formación Profesional de Grao Medio

·         Formación Profesional de Grao Superior

·         Entidades e organizacións

Os primeiros premios están dotados con 5.000 €, os segundos con 3.000 € —o recibido polo CEIP Mestre Martínez Alonso— e os terceiros con 2.000 €.

Centros premiados na categoría de Infantil e Primaria

·         1º premio: CPI Ana María Navales (Zaragoza), por un proxecto de coidado do entorno e achegamento ás profesións científico-médicas con perspectiva de xénero.

·         2º premio: CEIP Mestre Martínez Alonso (Mos, Pontevedra), pola creación dunha marca de roupa ecosostible mediante talleres STEAM.

·         3º premio: CEIP 19 de julio (Bailén, Jaén), por un proxecto contra os estereotipos de xénero nas profesións.

A alcaldesa, Nidia Arévalo, subliñou que “este recoñecemento é un orgullo para Mos e un exemplo da calidade, innovación e compromiso do noso profesorado e do noso alumnado. O CEIP Mestre Martínez Alonso sitúa de novo a Mos no mapa educativo estatal”.

O Concello de Mos felicita a toda a comunidade educativa do centro polo seu esforzo, creatividade e implicación en proxectos que fomentan a igualdade real, a innovación e o talento feminino.

Comparte este artigo