O centro, único galego galardonado nesta convocatoria do Ministerio, combinou varias iniciativas co eixo común do programa “Xirarei polo Morraso”
O Ministerio de Educación vén de conceder ao CEIP Riomaior o Primeiro Premio do II Concurso de Bienestar Emocional convocado a nivel estatal e que está dotado con 8.000 euros. A directora do centro, Mª Carmen Negro, desprazarase a Toledo para recoller o galardón no marco do IX Congreso Estatal de Convivencia Escolar que se celebrará os días 23 e 24 de outubro na Fábrica de Armas da Universidade de Castilla-La Mancha. O CEIP Riomaior, único centro galego galardonado nesta convocatoria, contará cun stand propio no evento que amosará o traballo realizado pola comunidade educativa o pasado curso.
O centro educativo concurreu a esta convocatoria cun resume de todas as actividades realizadas ao longo do curso pasado co programa “Xirarei polo Morraso”. A primeira actividade motivadora consistiu na presentación dos cinco alcaldes das cinco comarcas. A iniciativa buscou que a cativada indagara sobre cada unha das localidades (Vilaboa, Cangas, Marín, Bueu e Moaña) organizados en grupos internivel de 1º a 6º de Educación Primaria, que eles denominan casas, como un guiño a Hogwarts de Harry Potter, de 22 integrantes de diferentes idades.
Cada un deles ten un escudo, un saúdo e un nome. Os de Vilaboa escolleron “Danzaríns de Cobres”; os de Cangas, “Cruzados do Hïo”; os de Moaña “Os druidas da Fraga”, os de Marín “Mouros Mariños” e os de Bueu “Paraíso de Bueu” .Toda unha aventura co trasfondo literario da escrita xuvenil de Anxo Fariña, que tamén visitou o centro xa que o proxecto nace na biblioteca escolar con Buli, a súa mascota ao frente.
En resumo, o premio valora todas as actividades levadas a cabo durante o curso engranadas perfectamente para abarcar aspectos de reciclaxe, convivencia, benestar, inclusión… e rematan cun impacto final na comarca de cada casa. Entre os impactos finais destacan a simulación dun pleno celebrado co alcalde no concello de Vilaboa, unha xornada de convivencia no centro de maiores de Bueu, e gravacións de vídeos publicitarios das zonas principais das comarcas así como limpeza de praias.
Esta actividade multinivel, na que participou alumnado de todas as idades, estivo complementada con outras iniciativas como o programa de mediación, os talleres STEAM, a acción titorial e actividades de promoción da vida saudable que, como exemplo, amosou ao estudantado como elaborar un menú saudable por menos de 10 euros. A cativada desprazouse mercar a unha tenda de proximidade para escoller os produtos; apredeu a conservalos ata o día da elaboración do menú nas instalacións do centro e degustárono en conxunto, aforrando matería prima para abaratar costos.
Toda unha lección de vida que a directora do centro, Mª Carmen Negro, atribúe a toda a comunidade educativa, involucrada en diferentes programas no xeito que ten o CEIP Riomaior de entender a formación nas distintas etapas da educación obrigatoria. “Temos cinco puntos fortes: estamos nunha contorna privilexiada que facilita e inspira moito o noso traballo; a colaboración das familias xunto coa ANPA; o CFR que se preocupa pola formación do profesorado; o Concello que está pendente de todas as necesidades do centro e se involucra en todas as ideas que se prantexan, e a Consellería que nos dotou de diverso material tecnolóxicos nas aulas de Polos Creativos, xa que recursos como o plotter de corte, ou as impresoras 3D, os kits de robótica, as máquinas de coser…son fundamentais para desenvolver este tipo de iniciativas”.
Tanto para César Poza como para Mª Carmen Negro este premio significa un recoñecemento “ao noso sistema de traballo levado a cabo nun entorno rural e o recoñecemento da valía da educación na escola pública”