HomePontevedraPoioO Centro Cultural Xaime Illa acollerá un laboratorio escénico gratuíto de cabaré,...

O Centro Cultural Xaime Illa acollerá un laboratorio escénico gratuíto de cabaré, performance e teatro

- Anuncio -spot_img

• ‘Queer Cabaré: empoderando a diversidade’ estará impartido por Nelson Quinteito e organizado pola Concellería de Cultura

• A iniciativa conta con prazas limitadas e 16 horas de formación, ademais dunha mostra final que terá lugar o venres 1 de xullo

O Centro Cultural Xaime Illa Couto, na parroquia de Raxó, será escenario durante a última semana deste mes de xuño dunha actividade pioneira no municipio. Trátase de ‘Queer Cabaret’, un laboratorio escénico impartido por Nelson Quinteiro que ten coma obxectivo empoderar a diversidade, a través de 16 horas formativas, totalmente gratuítas, e unha mostra final, na que as persoas inscritas terán ocasión de amosar todo o aprendido durante as catro sesións que se leven a cabo ao longo do obradoiro.

A cita está organizada pola Concellería de Cultura, cuxa responsable, a nacionalista Raquel Rodríguez, explicou este venres que “esta é unha proposta aberta a toda a cidadanía, con independencia da idade, o xénero ou se contan ou non con experiencia previa”. Cabaré, ‘performances’ e teatro van da man nesta iniciativa, que xa se ten desenvolto cun gran éxito noutras localidades de Galicia e do territorio español.

“Entendemos que este taller é unha fórmula axeitada á hora de conseguir romper estereotipos, ao mesmo tempo que fomentamos a creación libre e o dominio do espazo escénico”, apunta a edil do Goberno local, que tamén amosou a súa satisfacción polo feito de que esta proposta tan orixinal estea impulsada por Nelson Quinteiro, “veciño do noso
concello que é un referente no eido cultural e musical galego”.

Son un total de 20 as prazas que se poñen a disposición da veciñanza. As sesións impártense desde o luns 27 de xuño ao xoves 30, en horario de 9.30 a 13.30 horas. “As persoas inscritas tan só terán que levar roupa negra e axustada, maquillaxe, tacóns altos
e moitas ganas de aprender e gozar desta experiencia”, indicou a concelleira de Cultura.

O broche a esta actividade será o 1 de xullo, venres, nunha cita na que o alumnado terá a ocasión de amosar nunha mostra final toda a aprendizaxe acadada durante o desenvolvemento deste laboratorio de cabaré.

Publicacións Relacionadas