HomePontevedraO CEP Altamira celebra os seus 50 anos de historia

O CEP Altamira celebra os seus 50 anos de historia

- Anuncio -spot_img

O CEP Altamira de Salceda de Caselas celebrou nesta semana o acto polo seu 50 aniversario, un acto aberto á veciñanza que tivo lugar no patio do propio colexio, e ao que se achegaron numerosas familias, alumnado, profesorado e persoal de servizos que pasou polo colexio ao longo destes 50 anos.

A celebración contou con intervencións de exalumnado que lembrou anécdotas dos seus anos no Altamira, con bromas dirixidas tanto ao profesorado como aos nenos e nenas cos que compartían aulas. Ademais quixeron ter unha lembranza especial para o mestre Xaquín, recentemente falecido.

A parte máis institucional contou coas intervencións de César Pérez Ares, Xefe territorial de educación, Pablo González, actual director do centro e Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, que lembrou o seu paso polo centro e defendeu e puxo en valor a importancia do ensino público, e o privilexio de contar ao longo destes 50 anos con mestres e mestras implicados e con vocación que traballan arreo polos nosos nenos e nenas.

Ademais o evento completouse coas actuacións do obradoiro de pandeireta, do grupo Somos de Salceda pertencente á Escola de Música, e do grupo Donicelas, que fai 33 anos naceu precisamente como resultado dos obradoiros realizados no colexio, e que a día de hoxe se ten convertido nun grupo xa consolidado con varios discos ao longo da súa traxectoria.

Os actos incluíron tamén a organización dunha exposición de traballos escolares relacionados cos 50 anos do edificio, así como unha exposición de fotografías antigas.

Para organizar a xornada, o equipo directivo do centro contou coa colaboración dun grupo de exprofesorado, aos que quixeron agradecerlle especialmente a súa implicación para que todo saíse do mellor xeito posible, e deste xeito, tal como indicou o director do centro: “celebramos 50 anos e brindamos por outros 50”.

Publicacións Relacionadas