HomePontevedraBaixo Miño‘O Chintófano de Dorothé’ transporta á cativada ao mundo da música e...

‘O Chintófano de Dorothé’ transporta á cativada ao mundo da música e os contos no Rosal

- Anuncio -spot_img

A biblioteca municipal acollerá o vindeiro 24 de outubro un contacontos gratuíto con Sonsoles Penadique ao abeiro dos Venres Rebuldeiros

Viaxar ao pasado nunca foi tan divertido. O Rosal acolle unha nova sesión do programa Venres Rebuldeiros con ‘O Chintófano de Dorothé’ da man de Sonsoles Penadique, un contacontos que mestura música, contos e diversión cun magnetófono de botóns máxicos. Será o vindeiro o venres 24 de outubro de balde ás 18.00 horas na biblioteca municipal do Rosal

A proposta permitirá á cativada descubrir o mundo da etnomusicóloga Dorothé Schubarth, coñecer a súa vida, os seus libros e ás informantes que lle transmitiron o saber sobre a cultura tradicional galega. O espectáculo ofrece unha experiencia única para volver a un pasado analóxico e máxico, achegando ás nenas e nenos á riqueza da tradición musical e oral de Galicia.

Esta actividade forma parte do programa Venres Rebuldeiros, co que o Concello do Rosal busca achegar cultura, teatro e contacontos á cativada de maneira gratuíta. A sesión está incluída dentro de dúas iniciativas de referencia: +Escénicas, da Deputación de Pontevedra, e Ler Conta Moito, acción de dinamización da lectura da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

O Concello anima a toda a veciñanza a participar nesta actividade que combina aprendizaxe, diversión e patrimonio cultural, nunha experiencia que promete emocionar a grandes e pequenos.

Publicacións Relacionadas