A Asociación Cultural Eliseo Alonso xa cedera á biblioteca do Concello de Tomiño 12 obras do escritor goianés
Despois de 26 anos de actividade e tras proxectar Fallen Leaves de Aki Kaurismäki, en xuño de 2024 apagouse a pantalla de forma definitiva para o Cineclub Poleiro. Case tres décadas de historia na que o cineclub reuniu una colección de máis de 200 DVDs ou Blu-Rays que acaba de doar ao Espazo Isaura Gómez.
A alcaldesa, Sandra González, e representantes do cineclub visitaron este xoves a biblioteca municipal para formalizar esta doazón desta colección que recolle unha pequena representación do mellor cinema internacional do noso século realizado por directores tan carismáticos como Gus van Sant, Jim Jarmusch, Leos Carax, Paul Thomas Anderson, Aki Kaurismäki, Wong Kar Wai ou Todd Haynes, entre outros. Moitas destas películas convertéronse xa en clásicos do cinema e algunhas son de difícil acceso. Con todo, a colección tamén reúne películas de cinema clásico e coñecidas películas españolas.
Con este “xenerosísimo” xesto os antigos membros do Cineclub Poleiro axudan agora a difundir a cultura cinematográfica e audiovisual dentro do Concello e da comarca. “Esta doazón permite que unha colección cinematográfica de gran valor pase a formar parte do patrimonio cultural público de Tomiño. Grazas ao cineclub moitas destas obras poderán ser descubertas polas novas xeracións e seguirán cumprindo unha función educativa e cultural fundamental”, destacou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
A rexedora destacou “o papel clave do Cineclub Poleiro na difusión do cinema de autor e independente nunha comarca onde desapareceron as salas comerciais. Foi durante 26 anos un referente cultural e un espazo de encontro imprescindible e queremos agradecerlle a todas e todos os seus integrantes todo o traballo realizado durante case tres décadas e esta doazón que reforza o noso compromiso coa cultura accesible, diversa e de calidade. O seu legado seguirá vivo no Espazo Isaura Gómez e ao alcance de toda a veciñanza”.
26 anos do cineclub Poleiro
Creado en 1998 dentro da Asociación Cultural Eliseo Alonso e integrado dende o primeiro momento na Federación de Cineclubs de Galicia, o Cineclub Poleiro estivo programando cine case de forma ininterrompida durante 26 anos. Empezou coa mesma finalidade xeral que a propia asociación: servir como xerme de promoción cultural dentro da comarca do Baixo Miño e propoñer puntos de encontro cultural na comunidade.
Neste tempo, cada primeiro xoves de mes proxectábase unha película para un público que permaneceu fiel ata o último momento. A programación buscaba achegar ao cinema de calidade a unha comarca que viu como os cines desapareceron de todos os seus concellos. A selección das películas representaba unha boa forma de dar a coñecer o cinema mais actual, a miúdo lonxe dos circuítos comercias.
Durante os primeiros sete anos, o Cineclub Poleiro estivo levando a cabo a súas actividades no Cinema Avenida da Guarda. Entón as proxeccións facíanse con longas e pesadas bobinas de celuloide. Isto cambiou cando o Auditorio Multiusos de Goián se dotou con medios de proxección audiovisual.
Dobre doazón
Esta doazón é a segunda realizada pola Asociación Cultural Eliseo Alonso. O pasado mes de outubro entregáronse á biblioteca doce obras do escritor goianés Eliseo Alonso, a maioría primeiras edicións, títulos descatalogados e polo tanto moi difíciles de conseguir, así como outras obras de interese relacionadas coa comarca e a colección completa da Revista Río.
Como sinalan dende o Cineclub Poleiro e dende a asociación, o recentemente inaugurado Espazo Isaura Gómez é o lugar idóneo para que o contido destas doazóns poida contribuír, como un complemento máis, ás finalidades para o que foi concibido.



