O Concello de Marín e o Club Aromon veñen de anunciar unha importante e ilusionante iniciativa conxunta que situará o municipio marinense como un punto de interese para a escalada en Galicia.
O proxecto consistirá na habilitación dunha zona de escalada deportiva na costa de Marín, aproveitando a singular morfoloxía dos nosos cantís. Tal e como explican desde o club, a zona prevé ofrecer máis de 30 vías de escalada de diferentes graos de dificultade, deseñadas para acoller tanto a escaladores/as experimentados/as coma a aqueles que se queiran iniciar.
Nestes momentos, están traballando na súa posta en marcha e espérase que a estea completamente operativa e lista para o desfrute da cidadanía antes de que finalice o presente ano 2025.
“Marín ten un patrimonio natural que vai máis alá das súas praias. Estes cantís de granito son un agasallo para a práctica da escalada e por iso consideramos moi interesante a proposta de Aromon para poñelos en valor de xeito responsable, dando opcións aos amantes deste deporte, que cada vez ten máis persoas adeptas”, explicou a alcaldesa, María Ramallo.
Aromon conta cunha longa traxectoria e experiencia, con máis de 35 anos de historia, e son os encargados tanto da creación da área como da súa homologación, tal e como fixeron noutras da provincia, como a de Punta Faxilda, en Sanxenxo.
O equipamento de seguridade está sendo instalado íntegramente polosrecoñecidos especialista Alfonso Bock (Naturmontaxes) coa colaboración de Gustavo Fariña, ambos coa acreditación oficial como Técnicos en Áreas Verticais de Actividades Deportivas no Medio Natural (TAVAD) da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada, e de Gabriel González.
A súa intervención asegura que todas as ancoraxes e sistemas de seguridade cumpran cos máis altos estándares de calidade e coa normativa vixente para áreas verticais, empregando aceiro e resinas especiais homologadas e de máxima durabilidade específicos para este deporte e para esta contorna marítima.
A apertura desta nova zona terá un impacto significativo a nivel deportivo, porque ofrecerase un novo lugar de adestramento e práctica para os escaladores/as marinenses, de toda Galicia, e do Norte de Portugal, desestacionalizando a oferta deportiva municipal.
Tamén axudará ao posicionamento turístico do municipio, porque o enclave natural onde se sitúa, xunto á costa, converterase nun atractivo de primeiro nivel para os amantes da natureza e dos deportes de aventura que buscan experiencias seguras e reguladas.
Ademais, tamén permitirá incidir na educación e formación deste deporte, xa que a versatilidade das vías permitirá que a Federación, clubs, centros educativos e entidades poidan realizar actividades formativas e de lecer de xeito regulado e seguro.
A colaboración inclúe o compromiso de realizar un mantemento periódico da zona, a organización dun curso de iniciación para marinenses/as, e inclusión nas guías de escalada de maior recoñecemento.