HomePontevedraBaixo MiñoO comercio de Tomiño busca persoas ecorresponsables

O comercio de Tomiño busca persoas ecorresponsables

- Anuncio -spot_img

O Concello colabora con ADETO nunha nova campaña que do 22 de marzo ao 22 de abril promoverá hábitos de consumo sostible entre a veciñanza

Tomiño quere que as persoas consumidoras marquen a diferenza con Ecorresponsables, unha campaña do comercio local posta en marcha por ADETO en colaboración co Concello que busca visibilizar a importancia dun consumo responsable e do consumo de proximidade como mellor xeito de coidar o medio ambiente. A campaña, que arrancou coincidindo co Día da Auga, o pasado 22 de marzo, estenderase ata o Día da Terra, o vindeiro 22 de abril.

A campaña pon o foco nas persoas consumidoras e en como as pequenas accións do día a día axudan a coidar o medio ambiente e convida á veciñanza a participar nos retos semanais pensados para resaltar hábitos de compra que coidan o medio ambiente, como a compra sen plásticos, a compra no comercio local ou a compra consciente, que serán algúns dos temas condutores cada semana. A iniciativa involucrará a comercios, establecementos de servizos e hostalería de Tomiño.

Todas as persoas que participen nos retos, sexa tanto a través das redes sociais como nos postos que se instalarán durante os vindeiros mércores na Praza do Seixo, recibirán un regalo ecolóxico como premio aos seus hábitos ecorresponsables.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou que “esta campaña non só promove o comercio local, senón que tamén educa na responsabilidade ambiental. Cada decisión de compra pode transformar a nosa contorna e inspirar un modelo máis sostible. Queremos que a nosa veciñanza sexa consciente de que o consumo responsable é un xeito de coidar o planeta e o futuro de Tomiño”.

Promovida por ADETO co apoio do Concello de Tomiño e o cofinanciamento da Xunta de Galicia, esta campaña forma parte do plan de dinamización comercial para o centro comercial aberto de Tomiño e ten unha vocación de futuro: traballar día a día para instaurar hábitos de consumo responsable lembrando que pequenas accións diarias poden marcar grandes cambios na preservación do medio natural e na calidade de vida da veciñanza.

Publicacións Relacionadas