- Producida e protagonizada pola ponteareá Cristina Maró e dirixida pola premiada Tareixa Barberena
A residencia Artistea acolleu hoxe a presentación da webserie da TVG “E logo, quen foi?” producida pola ponteareá Cristina Maró e dirixida pola doutora en Comunicación cum laude pola Universidade de Santiago de Compostela, Tareixa Barberena.
Acompañadas da actriz Humy Donado e polos actores David Amor e Fer González conversaron co público asistente e visionaron o trailer desta historia policial chea de misterio e suspense, que conta cun equipo de grandes profesionais, entre os que se atopan varios talentos ponteareáns. E logo, quen foi? Acaba de ser seleccionada como finalista nos premios AGalega.gal, e o voto do público neste caso é crucial, porque elixe a peza gañadora, motivo polo que a alcaldesa, Nava Castro, animou a todos e a todas a votar por esta obra con raíces ponteareás.
O reparto da serie confórmano Cristina Maró, Fede Pérez, Silvia Lorenzo, Bruno Núñez, Cecilia Barrio, Juani Domínguez, Julia González, David Amor, Hummy Donado e Manuel San Martín. A webserie pode visionarse en Agalega.gal a calquera hora do día os 365 días do ano.
A realizadora ponteareá, Cristina Maró, manifestou a súa emoción ao estrear “en Ponteareas, a miña vila natal, a serie da Televisión de Galicia “E logo, quen foi?”. Para min, como actriz, protagonista e produtora, é un orgullo que o Concello de Ponteareas se acordase de nós, neste caso de min como persoa, como ponteareá, e tamén do resto do equipo que formamos parte desta obra. Hoxe rompemos o dito de que ninguén é profeta na súa terra, porque na miña terra están a poñer en valor o meu traballo, e iso é algo que agradezo enormemente”.
Explicou Maró que este proxecto foi moi importante para ela xa que é a primeira vez que produce ficción, “algo que supuxo un gran reto pola complexidade do traballo técnico. Pero, conseguimos sacalo adiante e estamos moi orgullosos do resultado”.
Produtora e directora manifestaron a súa “ao estar nomeada como “Mellor Webserie da Televisión de Galicia digital”, un recoñecemento que nos dá un gran impulso para seguir adiante. Saber que o noso traballo gusta e chega ao público énchenos de satisfacción”.
Esta é, ademais, unha serie moi necesaria segundo relata a directora “porque un terzo dos delitos son cibernéticos, un mundo moi descoñecido aínda pola cidadanía facendo unha dobre función, de entretemento e de coñecemento. Foi un reto para min que quería probar coa ficción”.
Barberena e Maró agradecen o apoio do Puerto de Vigo, Cámara de Comercio de Vigo e Joyas de Papel así como a oportunidade de Televisión de Galicia, “apoios sen os que sería imposible producir”. Neste sendido produtora e directora agardan que tras o recoñecemento de chegar a finalistas, o ente público renove a contratación e permita a gravación de novos capítulos.
A alcaldesa, Nava Castro, agradeceu a presenza de boa parte do reparto e abríu ás portas a todos eles e elas ao ser Ponteareas “cuna de artistas e creadores que sempre son ben recibidos por unha cidadanía participativa e disposta a aprender e a aprezar as distintas manifestacións artísticas”.