O Concello do Rosal xa está preparando todo para que os nenos e nenas poidan desfrutar dunhas vacacións de Nadal chea de actividades. O vindeiro luns 7 de novembro ás 09.00 horas abre o prazo de inscrición para participar no campamento de Nadal, unha iniciativa que, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “busca axudar a rosaleiros e rosaleiras a conciliar a vida familiar e laboral a través de distintas actividades educativas e lúdicas coas que dinamizar o tempo libre dos seus fillos e fillas tras o remate do período lectivo”.
Este campamento de Nadal desenvolverase os días 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e os días 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 08.45 a 14.15 horas e está orientado a nenos e nenas matriculados en 4º, 5º ou 6º de educación infantil ou en educación primaria neste curso escolar, tanto empadroados e empadroadas no Rosal como non empadroados pero que o seu pai, nai, titor ou titora traballe ou posúa un negocio no municipio. O prazo de inscrición rematará o martes 22 de novembro ás 14.00 horas.



