A alcaldesa, María Ramallo, explica que xa foi concedido o 50% do importe a través dunha subvención da Xunta de Galicia e espera poder recibir o outro 50% do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra
O deporte base en Marín é un motor social, cultural e de lecer imprescindible para a nosa vila, na que os clubs e o propio Concello programan importantes eventos e colaboran na organización doutros máis alá do ámbito municipal que fan vibrar os noso pavillóns cada fin de semana.
Por iso, o Goberno local, consciente da importancia que ten a práctica deportiva, ten no seu eixo de traballo unha liña para renovar e mellorar as instalacións deportivas municipais, como é o caso do Pavillón do Sequelo.
A alcaldesa, María Ramallo, explica que se ven de acadar financiación para cubrir o 50% do custe total do proxecto, que ascende a 400.000 euros. Esa metade correspóndese cunha subvención da Xunta de Galicia, que xa foi aprobada e concedida. “Agora, seguimos traballando para cubrir a outra metade do proxecto, que solicitamos ao Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra”, explicou a rexedora.
Illamento, mellora da habitabilidade e aforro enerxético
O Pavillón do Sequelo foi construído no ano 2000 e dispón de distintas opcións para a práctica deportiva: pista de parquet para fútbol sala, balonmán… e atende tanto a demanda do deporte base como a do colexio do Sequelo. Polo tanto, é unha infraestrutura moi utilizada por usuarios con moi diferentes tramos de idades.
No proxecto que levará a cabo o Concello illaranse exteriormente con SATE todas as zonas de bloque de formigón, coa finalidade de dar un acabado máis neutro ao edificio, usando pinturas lisas que axuden á súa harmonización coa paisaxe.
“O máis importante”, destaca a alcaldesa, “é que con este proxecto dotaremos ao pavillón dunha nova cuberta que conte con illamento térmico e impermeabilización, de tal xeito que se mellorará a eficiencia enerxética do pavillón e a sensación de confortabilidade”.
A maiores, e seguindo na liña do aforro enerxético, plantéxase a instalación de auga quente sanitaria con dúas bombas de calor aerotérmicas, que conten cunha instalación fotovoltaica que recargue ese ACS en horas de luz para o seu uso posterior. “Deste xeito, conseguiremos que o pavillón se convirta nun edificio de custo case nulo”, detalla a rexedora.