– A alcaldesa explica que o proxecto vai máis aló dunha pavimentación, xa que suporá “unha reforma integral da vía que mellora o tránsito de peóns, pon en valor o entorno e a crea sete miradoiros con zonas de lecer e descanso para a cidadanía”. O goberno local cumpre así cunha demanda “histórica” dos veciños da zona.
– A reforma mellorará un tramo de 1.000 metros de lonxitude actualmente deteriorado e cunha pronunciada pendente. O proxecto presentado polo Concello de Redondela, valorado en máis de 1 millón de euros, acadou os fondos do Plan Extra da Deputación. A subvención cubrirá o 70% da obra, e o Concello financiará o 30% restante.
A reurbanización do Camiño de Cidadelle incluirá a renovación do firme, a mellora da seguridade viaria e a creación de sete miradoiros con áreas de descanso. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que o proxecto non se limita a unha nova pavimentación, senón que será “unha reforma integral da vía cun novo deseño que favorecerá o tránsito de peóns, porá en valor as vistas panorámicas da zona e creará espazos de encontro para a cidadanía”. Esta zona residencial presenta actualmente unha estrutura urbana deteriorada. O proxecto é un investimento estratéxico “que suporá unha clara mellora na calidade de vida da veciñanza coa mellora das comunicacións no barrio, unha vía máis moderna e segura para os peóns e novos espazos públicos. O goberno local cumpre así cunha demanda histórica dos veciños da zona, que levaban dúas décadas reclamando unha vía en condicións. Logo de facer a primeira fase da Subida a Cidadelle en 2024, este ano será a quenda da segunda parte do camiño. A alcaldesa lembra que era “unha das prioridades” do goberno local: transformar esta zona de Cidadelle con espazos públicos que inclúen a contorna do Centro Sociocultural”. Trátase dun proxecto ambicioso no que traballaron as concellerías de Urbanismo, que dirixe Antonio Cabaleiro, e Infraestruturas e Sostibilidade, a cargo de Roberto Villar.
O proxecto inclúe sete miradoiros que serán tamén zonas de descanso para a veciñanza. Estes espazos porán en valor as vistas panorámicas sobre a ría, ademais de crear lugares de encontro para a cidadanía con mobiliario urbano, bancos, arborado e pérgolas. Situaranse en lugares estratéxicos ao longo da vía “para que os peóns poidan parase e descansar”, explica Rivas. O primeiro deles será no cruce coa Senda da Auga, coincidente co trazado do Camiño de Santiago, onde se dará prioridade aos peóns. O segundo dos miradoiros estará uns 80 metros máis arriba, na zona máis horizontal do camiño de Cidadelle. A terceira das áreas de descanso localízase ao carón dunha fonte e un cruce de camiños. A cuarta das plataformas situarase na curva de enlace co camiño do Avispeiro. O quinto miradoiro será un dos puntos máis singulares, fronte ao edifico municipal do centro Sociocultural de Cidadelle. A sexta área será no entronque dos camiños do Cuco e da Quinta e, por último, na cota máis alta do camiño de Cidadelle instalarase o sétimo dos miradoiros cunha pequena praza no entronque co camiño da Bruxa e a Estrada da Lamosa.
O proxecto da reforma integral do camiño de Cidadelle, cunha lonxitude aproximada de 1.000 metros, supón un gran investimento valorado en 1.050.440 euros. A actuación supón renovar uns 8.000 m2 de superficie nunha zona cunha pronunciada pendente. Os traballos incluirán a renovación da rede de abastecemento de auga e a de saneamento, coa incorporación dunha nova rede para as augas pluviais.
O proxecto presentado polo Concello de Redondela ao Plan Extra da Deputación está valorado en 1.088.065,42. A proposta acadou os fondos provincias, que cubrirán o 70% do custe das obras (761.645,79 €), e o Concello financiará o 30% restante (326.419,63 €).



