A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación das obras de substitución de carpintarías exteriores no pavillón Manuel Coto Ferreiro á empresa Proyectos y Contratas Covelo S.L. por un importe de 60.149,10 euros, que será financiado a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
O proxecto foi elixido entre un total de cinco empresas que presentaron cadansúa proposta para acometer estes traballos, que inclúen a renovación das oito portas e da totalidade das fiestras do pavillón. Estas actuacións deberán estar rematadas no prazo de dous meses, facilitando que este espazo volva ser empregado cando os clubes retomen os seus adestramentos.