• A actuación conta cun prazo de execución de tres meses e cun orzamento que ascende a preto de 170.000 euros, unha contía que se cubrirá co Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2024
• O alcalde, Jacobo Pérez, confirma que tamén se acaba de aprobar o proxecto para implantar este servizo entre Soutelo de Abaixo e Gundiñáns, continuando así coa folla de ruta de potenciar as prestacións básicas no rural
O Concello de Caldas de Reis vén de adxudicar unha obra moi importante para continuar coa folla de ruta marcada polo Goberno municipal á hora de dotar de servizos básicos ao rural. Trátase do proxecto para a implantación de saneamento de augas residuais no núcleo da Igrexa, na parroquia de Saiar. O alcalde, Jacobo Pérez, visitou este martes a zona na que se acometerán os traballos, acompañado polo concelleiro da parroquia, Juan Carlos Ortigueira. Os labores serán asumidos por Excavaciones y Construcciones Pérez Portela SL, logo de que a súa oferta fose a máis ventaxosa de todas as que se presentaron ao concurso de licitación. O orzamento ascende a un total de 168.337,36 euros, IVE engadido.
Tal e como explicou o rexedor caldense, a actuación serve para continuar ampliando a rede de servizos básicos neste núcleo. O proxecto contempla a instalación de varios colectores soterrados, coas súas correspondentes acometidas domiciliarias. A maiores, procederase á dotación dunha estación de bombeo, coa súa correspondente impulsión. Estas obras serán financiadas con cargo ao Programa +Provincia da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2024. “Esta é unha das actuacións que tiñamos pendentes de comezar por mor dos tempos administrativos”, lembrou Pérez Gulín, que sinala que o prazo de execución dos traballos será de tres meses, polo que “se non se producen imprevistos, os traballos, moi necesarios nesta zona, serán unha realidade antes do vindeiro verán”.
O alcalde de Caldas de Reis apunta que “intentaremos que os traballos resulten o máis áxiles posibles, para causar as menores molestias a condutores, peóns e ás persoas residentes na zona, a quen lles agradecemos de antemán a súa comprensión”.
Saneamento en Soutelo de Abaixo
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou hai uns días o proxecto para a dotación de saneamento de augas residuais entre o núcleo de Soutelo de Abaixo e Gundiñáns. Trátase dunha obra moi similar á da Igrexa, que servirá para garantir a recollida deste tipo de augas que proceden das vivendas da zona, de xeito que se canalizan ata a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR). A aprobación corresponde á primeira fase da actuación, que tamén se financia a través do Programa +Provincia de 2024, e que contará cun orzamento que ascende a máis de 333.000 euros, IVE engadido.
O alcalde Pérez Gulín incide en que, unha vez superados os tempos administrativos correspondentes, “pouco a pouco imos sacando cara adiante proxectos que xa estaban contemplados e que supoñen unha mellora importante para a calidade de vida da veciñanza, neste caso no noso rural”.

