Os viais, que dan acceso a fincas agrícolas, contarán tamén con lombos de calmado do tráfico rodado
O Concello de Vilaboa acaba de adxudicar o reasfaltado do vial de Pousada, en San Adrián e o de Coruxeiro, en Vilaboa, cun importe de 55.553 euros co Plan Marco, que garante a mellora de camiños de titularidade municipal de acceso a parcelas agrícolas. Este investimento facilitará o paso a 16 fincas no caso de Pousada, en San Adrián e a 13 en Coruxeiro,en San Martiño.
Trátase dunha actuación de mellora que consiste no tendido dunha nova capa de aglomerado en quente de cinco centímetros de espesor así como na canalización das augas pluviais. Limparanse e perfilaranse as cunetas existentes e executaranse obras de drenaxe lonxitudinal coa renovación de medios canos nos tramos que sexa necesario. Ademais, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, na medida do posible ampliarase a sección da calzada gañando a superficie dalgúns sobreanchos.
A maiores, na zona de Pousada para salvar algúns desniveis do terreo e para garantir a seguridade viaria farase un muro de contención granítico que funcionará tamén a modo de banco.
A actuación nestas pistas complétase coa execución de lombos redutores de velocidade e pintado de marcas laterais de calzada mediante pintura reflexiva e microesferas de vidro, así como marcaxe de letreiros para sinalización horizontal. Tamén se colocarán sinais de tráfico verticais en poste galvanizado
Para César Poza, alcalde de Vilaboa, a mellora destes dous novos viais nos que as obras se realizarán de xeito inmediato reforza a calidade da rede viaria municipal, dando prioridade a aquelas que conectan os principais núcleos de poboación pero sen esquecer as pistas secundarias que dan acceso a parcelas de explotación agraria. Poza recoñece que nun municipio tan grande en extensión e con núcleos tan dispersos resulta complexo para a administración local manter todas as estradas en óptimas condicións. “Pouco a pouco actuaremos en todas, mellorando o firme e sobre todo implementando medidas de calmado do tráfico e de seguridade para os peóns”.