HomePontevedraPoioO concello amplía o número de composteiros comunitarios no núcleo de San...

O concello amplía o número de composteiros comunitarios no núcleo de San Salvador con dous novos dispositivos

- Anuncio -spot_img

• O edil de Servizos Municipais e Obras, Julio Casás (PSdeG-PSOE), informa de que os novos composteiros estarán operativos proximamente nas inmediacións do Casal de Ferreirós e en Ánkar

• Esta actuación sufrágase a través dos fondos europeos ‘Next Generation’ xestionados ante a Xunta de Galicia, para garantir o cumprimento de obxectivos que marca a nova Lei de Residuos, ao igual que a adquisición de dez biotrituradoras e 1.000 cubos de separación de restos de comida

O concelleiro de Servizos Municipais e Obras, Julio Casás (PSdeG-PSOE), acompañado polo responsable de Urbanismo, o tamén socialista Gregorio Agís, visitou na mañá deste martes os emprazamentos elixidos para a instalación de dous novos Centros de Compostaxe Comunitarios (CCC) no núcleo da parroquia de San Salvador. Con esta nova actuación serán xa cinco os recipientes a disposición da cidadanía. Casás Barral salienta que a dotación destes dispositivos da reposta “á gran demanda que hai por parte da veciñanza” e celebra que “cada vez son máis as persoas que apostan pola compostaxe como fórmula de tratamento de residuos orgánicos”.

Estes dous novos composteiros comunitarios estarán operativos nas vindeiras semanas nas proximidades do Casal de Ferreirós e do parque de Ánkar. “Son dúas zonas moi céntricas, nas que moitos residentes amosaron o seu interese en facer uso destas instalacións”, afirma o edil de Servizos Municipais e Obras. Deste xeito, estes CCC súmanse aos que xa están operativos en Rosalía de Castro, Valiña e Río Miño. O pasado mes de outubro cumpríronse dous anos desde a instalación do primeiro destes recipientes, en Rosalía de Castro, e a resposta da cidadanía “non puido ser máis positiva”, indica Casás, que lembra que desde o Concello se levaron a cabo varias campañas informativas, que incluíron o reparto de folletos e cartas ou a organización de actividades nos centros educativos. Estes novos composteiros finánciase vía fondo europeos xestionados ante a Xunta de Galicia para impulsar actuacións que garantan o cumprimento dos obxectivos que marca a nova Lei de Residuos. Os devanditos fondos, correspondentes ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE financiado pola liña do ‘Next Generation’, ascenden a máis de 77.000 euros e tamén se invisten na adquisición de biotrituradoras e no reparto un milleiro de cubos para a separación dos restos de comida, que se ofrecen ás persoas usuarias dos composteiros comunitarios.

Cómpre lembrar que a aposta pola instalación deste tipo de composteiros iniciouse en Poio hai uns anos ao abeiro do Plan Revitaliza, impulsado pola Deputación de Pontevedra. “Estamos moi satisfeitos coa resposta da cidadanía, que confirma que a adhesión a este plan resultou todo un acerto”, opina Julio Casás, que lembra que “a nosa pretensión é continuar ampliando a instalación destes dispositivos naqueles núcleos nos que exista demanda”. A isto hai que sumarlle o reparto de composteiros individuais que tamén se impulsa desde a área de Servizos Municipais. Estes recipientes poden solicitarse de xeito gratuíto no Concello.

Adquisición de biotrituradoras

Con respecto ás biotrituradoras, esta maquinaria estará proximamente xa a disposición da cidadanía, a través dun servizo de préstamo “que estamos a perfilar”. Esta adquisición é importante, xa que a nova normativa non contempla a realización de queimas. Ademais, as biotrituradoras tamén contemplan outros beneficios como a xeración de estruturantes para composteiros. O concelleiro de Servizos Municipais e Obras lembra que a veciñanza pode solicitar a recollida a domicilio de restos de poda, chamando ao teléfono 986771185, ou trasladalos ao Punto Limpo Móbil.

Publicacións Relacionadas