HomePontevedraBaixo MiñoO Concello aprobou en pleno a candidatura para o recoñecemento do Rosal...

O Concello aprobou en pleno a candidatura para o recoñecemento do Rosal como Cidade Amiga da Infancia

- Anuncio -spot_img

Un paso firme para continuar situando aos nenos, nenas e adolescentes no centro das políticas municipais

Contará con prazas limitadas polo que é necesario inscrición previa

Poñer a infancia no centro das decisións non é só un obxectivo, é unha responsabilidade que define o futuro dun municipio. O Concello do Rosal aprobou en pleno a súa candidatura para obter o recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia, unha iniciativa impulsada por UNICEF España que ten como finalidade garantir os dereitos de nenos, nenas e adolescentes no ámbito local.

Este recoñecemento distingue aos gobernos locais que aplican a Convención sobre os Dereitos do Neno, promovendo unha xestión municipal que escoite, respecte e integre as voces da infancia en todas as políticas públicas, desde os presupostos ata a planificación de servizos e actividades.

Como destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández CAllís, “este paso reflicte a nosa vontade de construír un municipio no que a infancia e adolescencia sexa protagonista e poida desenvolver todo o seu potencial. Queremos garantir que as crianzas vivan en contornas seguras, accesibles e que favorezan a súa participación activa”.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, engadiu que “con esta candidatura reafirmamos o noso compromiso coa infancia e adolescencia, e abrimos a porta a mellorar e innovar nas políticas locais, facendo que os nenos e nenas non só sexan beneficiarios, senón tamén protagonistas das decisións que lles afectan”.

A iniciativa Ciudades Amigas de la Infancia leva en funcionamento en España desde 2001 e conta co apoio do Ministerio de Xuventude e Infancia, da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e do Instituto Universitario UAM-UNICEF. O seu obxectivo é que todos os nenos e nenas teñan acceso a servizos de calidade, vivan en contornas seguras, poidan gozar da vida familiar, do xogo e do lecer, e que as súas voces sexan consideradas na gobernanza local.

Co inicio deste proceso, o Concello do Rosal busca non só obter o recoñecemento oficial, senón tamén consolidar un modelo de municipio máis xusto, equitativo e comprometido coa infancia, con accións reais que poñan os dereitos das crianzas no corazón das políticas municipais.

Publicacións Relacionadas