O documento final redáctase despois de facer un proceso de participación e achegas de todas as asociacións de muller ou con vocalía de muller do municipio, que forman parte do Consello da Muller.
A conmemoración do 8 de Marzo en Marín quere ser unha data na que “reivindicar a loita
histórica da muller por conseguir a igualdade plena e real, mellores condicións laborais,
a erradicación da violencia de xénero, a defensa dos seus dereitos e a xustiza social”, tal
e como se pode ler no inicio da declaración institucional preparada para os actos deste
día.
Esta declaración, que é un documento integrador que pretende ser un clamor colectivo
para reivindicar este día desde as institucións públicas da vila, consensúa as súas liñas
xerais no Consello da Muller, no que están representadas as asociacións de mulleres ou
con vocalía de muller do municipio.
Sobre esa base, o Concello, a través do Centro de Información á Muller (CIM), con ditas
achegas, elabora un borrador da declaración, que despois é trasladado de novo aos
colectivos do Consello, para a súa revisión e para que poidan realizar novas
modificacións, das que se valora a súa inclusión no texto final.
O Concello lamenta que, despois de todos estes pasos, algunhas asociacións se
desvinculen desta declaración institucional, que será levada ao Pleno para a súa
aprobación definitiva.
A afectación da Covid19 nas mulleres e o sector da alimentación
A crise sanitaria está xerando un gran impacto económico, social e laboral a nivel xeral,
pero especialmente nas mulleres, xa que agrava as brechas de xénero e ás desigualdades
que xa existían antes da pandemia.
Ademais, nestes momentos de crise intensificouse o traballo e o esforzo dalgúns sectores
concretos, como o das traballadoras que tiveron que estar en primeira liña nos servizos
esenciais, como o persoal sanitario, de limpeza e o sector alimentario, cun alto grao de
presenza feminina.
A esas traballadoras é ás que se quere facer unha especial mención neste 8M, así como ás
consecuencias do impacto da Covid19, que en Marín deixa uns datos claros de cifras do
paro, de 997 mulleres fronte a 717 homes.
No documento tamén hai mencións, máis alá desta situación concreta sanitaria, á
realidade que viven as mulleres trans como consecuencia do machismo e da transfobia,
estando excluídas do mercado laboral case o 80%.
A explotación sexual e os contidos que aparecen nos medios de comunicación e no sector
dixital tamén precisan dunha perspectiva de xénero.