HomePontevedraPontevedraO concello blinda unha aportación municipal de 250.000 euros para executar a...

O concello blinda unha aportación municipal de 250.000 euros para executar a reforma do parque de Riomaior

- Anuncio -spot_img

O goberno local tomará o acordo no pleno desta semana para garantir que os traballos comecen no 2026

O goberno local levará á sesión plenaria desta semana unha  suplementación de crédito que lle permitirá reservar unha partida de 250.000 euros para a execución do parque de Riomaior. Trátase dun ambicioso proxecto cun orzamento superior ao millón de euros que o Concello presentará ao Plan Extra da Deputación Provincial. O alcalde de Vilaboa, César Poza, confía en que a importancia estratéxica desta infraestrutura garanta a súa aprobación nesta nova convocatoria provincial. De calquer xeito, César Poza confía en que os traballos comecen xa no 2026.

As actuacións proxectadas suporán unha reforma integral no parque, coa restauración paisaxística da contorna e a creación de diferentes ambientes deportivos: pistas deportivas, parque infantil, zona de pump track, de calistenia, sendas e rúas de atletismo, para o desfrute do deporte ao aire libre, xa que esta é a temática do futuro parque de Riomaior.

Como punto de partida das actuacións, levarase a cabo o acondicionamento da parcela, co desmonte e retirada do muro de contención que  funciona como unha barreira visual conseguindo abrir ao mar a zona de Riomaior.

Demolerase o antigo almacén de Protección Civil deixando o espazo libre de edificacións, restauraranse as sendas existentes e crearase algunha nova e renovarase todo o mobiliario urbano existente. Como complemento ás sendas do parque, executaranse unhas rúas de atletismo de 100 metros de lonxitude para a posibilidade de facer series cronometradas.

O proxecto recolle a eliminación da pista de tenis actual para construir unha nova, cunha grada prefabricada de formigón con cuberta metálica. Tamén en Riomaior haberá unha pequena pista de pump track cunha superficie aproximada de 720 metros cadrados, cun deseño que facilite o seu percorrido sen necesidade de dar ningunha pedalada.

Haberá unha zona de calistenia para a realización de exercicio ao aire libre, unha modalidade que utiliza o peso do propio corpo para adestrar así como un parque infantil deseñado para a poboación de menos idade.

A titularidade da parcela obstaculizou ata agora que o goberno de Vilaboa tramitase subvencións e axudas públicas para mellorar a área de esparcemento de Riomaior xa que un dos requisitos ineludibles é ser propietario do ben no que se fai o investimento. Esta mesma situación impedía ao goberno local destinar partidas do orzamento municipal para este parque. “Esto non sempre é entendido pola veciñanza, que en reiteradas ocasións nos demandou investimentos no parque que non podiamos realizar ao non ser noso o terreno”, explica César Poza.

Trala recuperación dos terreos que ata o 2022 eran propiedade da Administración General del Estado e estaban afectados por Costas, o Concello procedeu á matriculación no Rexistro da Propiedade das dúas parcelas cedidas.

Publicacións Relacionadas