HomePontevedraO Concello comezou a instalación das medidas de seguridade no CEIP Laredo

O Concello comezou a instalación das medidas de seguridade no CEIP Laredo

- Anuncio -spot_img

–  Os graves problemas de seguridade que sofre o CEIP Laredo debido ao mal estado da súa cuberta, obrigaron a actuar ao Concello de Redondela ante a inacción da Consellería de Ensino. Esta semana comezou a instalación dun valado perimetral para “garantir que ninguén poida acceder ás zonas de risco”, e unha rede “para evitar que se desprenda calquera elemento da cuberta”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

– Rivas sinala que o Concello asume estas obras “por responsabilidade” xa que a súa prioridade é “garantir a seguridade dos máis de 180 alumnos e alumnas do centro, así como das familias, profesorado e viandantes”. Hai tres meses que se comunicou esta grave situación á Consellería de Ensino, á que esixe que poña “data e prazos concretos para a reforma integral da cuberta”.

Os graves problemas de seguridade que sofre o CEIP Laredo debido ao mal estado da súa cuberta, obrigaron a actuar ao Concello de Redondela ante a inacción da Consellería de Ensino. O risco de desprendemento de tellas foi comunicado a Xunta de Galicia a través dun informe técnico remitido polo Concello en decembro do pasado ano no que se advertía da grave situación que presenta o tellado do centro. O informe advertía das “medidas de seguridade urxentes” que se deben adoptar, como a colocación dun valado perimetral para “garantir que ninguén poida acceder ao perímetro de seguridade”, así como unha rede “para evitar que se desprenda calquera elemento da cuberta”.

Digna Rivas comprometeuse coa dirección e da ANPA a asumir desde o Concello eses traballos de maneira urxente “malia ser unha competencia exclusiva da Xunta”. Os traballos comezaron xa esta semana, “porque a prioridade do Concello é garantir a seguridade dos máis de 180 alumnos e alumnas do centro, así como das familias, profesorado e viandantes que pasan pola beirarrúa do colexio”. Rivas sinala que “por responsabilidade” o Concello acomete as obras “para perimetrar toda a zona que presenta risco de desprendemento para evitar calquera accidente, coa instalación dunha estrutura e unha rede de protección”. Rivas agradeceu a colaboración da dirección do centro e da ANPA, que se puxeron a total disposición do Concello.

A rexedora lembra que hai tres meses que se comunicou esta grave situación á administración responsable. Técnicos da Consellería visitaron o centro e amosaron a súa preocupación, pero o Concello aínda non obtivo resposta por parte da Xunta de Galicia. Rivas esixe á administración autonómica “que de maneira urxente poña data e prazos concretos para facer a reforma integral da cuberta do CEIP Laredo, unha obra imprescindible para garantir a seguridade no centro, tan como advirte o informe técnico”. Nun pleno da corporación municipal un dos concelleiros do PP asegurou que a Xunta de Galicia acometería a obra neste 2025 “pero no Concello non consta ningunha información oficial ao respecto”.

Publicacións Relacionadas