O acto de recoñecemento da Corporación celebrouse no Salón de plenos da Casa Consistorial.
A Corporación de Pontevedra homenaxeou esta mañá aos axentes da Policía Local, José Luís Serantes Vaz e Eusebio Domínguez González aos que o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores fixo entrega da medalla ao mérito profesional da Policía Local pola súa “intervención excepcional no feito acaecido neste municipio o 27.02.2025, cando efectuou unha actuación arriscada para axudar a unha persoa e resolver unha situación de risco nun acto que enaltece a imaxe da Policía Local, destacando a súa impecable intervención operativa, a celeridade da actuación e a súa responsabilidade e determinación persoal durante a prestación do servizo, incluso con perigo para a súa propia integridade física”, indica o expediente de tramitación deste recoñecemento.
O alcalde sentiuse honrado en recoñecer publicamente o traballo, profesionalidade e compromiso dos dous axentes “cuxa acción rápida e decidida salvou unha vida nun momento crítico”. Fernández Lores resaltou que “actuaron con coraxe, con precisión e, sobre todo, coa humanidade que define o mellor do servizo público”.
De feito destacou que a medalla tamén simboliza o que é significa ser funcionario público “estar ao servizo dos demais, mesmo cando iso supón asumir riscos ou actuar baixo presión. A súa dedicación, a súa preparación e o seu instinto de protexer aos demais son un exemplo para todos nós”.
Fernández Lores agradeceulles “por facer da vosa profesión unha vocación de servizo e por lembrarnos que, ás veces, a diferenza entre a vida e a morte está nas mans de quen traballa con corazón”
Tamén recordou que o recoñecemento “é un compromiso co futuro, un futuro no que contamos con vós, coa vosa profesionalidade, a vosa ética e o voso compromiso para seguir construíndo xuntos a Pontevedra na que nos gusta vivir”.