A carpa de Riomaior contará o martes con postos de polbo e bebidas mentras a restauración ofrece menús con lacón con grelos, bolo do pote e bandullo
O Entroido de Cobres afronta a segunda xornada do seu calendario festivo co reto de despertar sorrisos no seu percorrido polos barrios, achegando as súas danzas e os seus ritmos ata o lugar máis recóndito de Vilaboa.
De novo, e igual que farán o lunes e martes, as parellas de baile comezarán a súa andaina ás 10 de mañán e non pararán (agás para comer) ata a súa chegada á carpa situada en Riomaior, sobre las 19 horas. As danzas previstas neste recinto cuberto e acondicionado para resguardarse do frío e da chuvia, darán paso á actuación do trío La Noche.
O Concello de Vilaboa convida á cidadanía de toda a contorna a achegarse a gozar do Entroido de Cobres e descubrir a gastronomía típica destas datas da man da hostalaría local.
Haberá postos de polbo e bebida na propia carpa na xornada do martes para quenes opten pola degustación deste productos típicos da cociña galega sen perderse o ambiente do entroido, mais o Concello pon en valor o bo facer dos numerosos restaurantes, taperías, bares e cafeterías do municipio que estes días inclúen nas súas cartas o típico cocido de entroido ou lacón con grelos e mesmo pratos tan típicos desta época do ano en Cobres como o Bolo do pote ou o bandullo, así como filloas e orellas.
A páxina web do Concello de Vilaboa (vilaboa.gal) recolle unha listaxe de establecementos co seu contacto para facer reserva previa de mesa nestes próximos días, xa que son varios os municipios galegos que programaron excursións a Vilaboa coincidindo con estes días de entroido.
A concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, destaca tamén a variada oferta de aloxamento que ofrece Vilaboa para programar unha escapada coincidindo co entroido e descubrir paraxes naturais como o entorno das Salinas ou a Ruta dos Muíños de Riomaior.

