O concello convoca o LVI Concurso de Gaitas do País para o próximo 21 de setembro

adminON
Lectura mínima de 2
  • Poderán participar ata un máximo de trece grupos
  • Destínase un orzamento de 9.600€ para a entrega de premios

O Concello convoca unha nova edición do Concurso de Gaitas do País, a que será a LVI, para o vindeiro 21 de setembro. Deste xeito, a festa e Ponteareas consolídanse como un dos encontros de referencia da música tradicional galega ao ser unha das festas máis antigas de Galicia no panorama musical.

Participarán no Concurso ata un total de trece grupos de gaitas, os cales poden estar compostos por persoas físicas ou xurídicas, e cuxo único requisito é utilizar instrumentos tradicionais galegos sen ningún tipo de modificación.

O LVI Concurso de Gaitas do País está dotado dun presuposto para premios de ata 9.600€ achegados pola administración local e diversos obsequios materiais cortesía de Artesanía de Galicia. Deste xeito, o primeiro clasificado recibirá unha contía de 2.000€ e unha gaita tradicional do Obradoiro de Gaitas Gil; o segundo, de 1.500€ e un tamboril de Sanín Percusión Tradicional; o terceiro, de 1.000€ e o cuarto, de 600€. O resto de grupos recibirán unha cantidade de 500€, independentemente da súa posición clasificatoria.

Para a inscrición, as agrupacións interesadas deberán cubrir o modelo facilitado polo Departamento de Cultura Municipal, que se aloxa na nova páxina web do Concello, e onde se atopa toda a información legal referente a esta cuestión. A solicitude cuberta deberá presentarse a través da Sede Electrónica mediante Rexistro de Entrada.

O prazo de inscrición xa está aberto e permanecerá deste xeito ata o próximo 13 de setembro, oito días antes da celebración do concurso. O día 19 de setembro, o Concello publicará a lista de grupos admitidos, o día 20 realizarase o sorteo en presenza do Secretario do Concello e o público que queira asistir.

Comparte este artigo