HomePontevedraA LamaO concello da Lama conmemora o 25N coa lectura dun manifesto e...

O concello da Lama conmemora o 25N coa lectura dun manifesto e con varios obradoiros de igualdade e de prevención da violencia contra as mulleres

- Anuncio -spot_img

A concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Trinidad Fernández Oubiña, foi a encargada de presentar o acto en presencia do alcalde, David Carrera, o tenente de alcalde José Fortes e as responsables do CIM, Adriana Fontaíña e Galiza Aguete.

O Concello da Lama celebrou un acto conmemorativo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, no que a concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Trinidad Fernández Oubiña, deu lectura ao manifesto institucional en nome da Corporación Municipal.

No acto estiveron presentes o alcalde, David Carrera, o tenente de alcalde, José Fortes, así como a avogada do Centro de Información á Muller (CIM), Adriana Fontaíña, e a psicóloga do CIM, Galiza Aguete, amosando así o respaldo institucional e profesional á loita contra a violencia machista.

Durante a lectura do manifesto, púxose o foco na importancia de seguir combatendo todas as formas de violencia contra as mulleres, incluíndo as novas manifestacións de violencia dixital, como o ciberacoso, a extorsión ou a difusión de imaxes íntimas sen consentimento, subliñando que estas condutas responden a desigualdades estruturais que deben ser abordadas con urxencia dende todos os ámbitos: institucional, educativo, familiar e social. O documento tamén insistiu en que o principal factor de risco segue a ser o feito de ser muller, e na necesidade de reforzar políticas públicas integrais, así como garantir que todas as vítimas coñezan os recursos ao seu alcance.

O Concello da Lama reiterou o seu compromiso firme coa erradicación da violencia de xénero e coa defensa dos dereitos, a liberdade e a seguridade de todas as mulleres, convidando á veciñanza a implicarse activamente nesta causa común.

Ademais, o Concello da Lama, a través do CIM e a OMIX está poñendo en marcha toda unha serie de actividades de concienciación contra a lacra social da violencia de xénero que contan coa colaboración económica da Deputación de Pontevedra e do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Estas actividades, financiadas polo Pacto de Estado, comezaron o pasado 11 de novembro co espectáculo musical “Cantos e Contos” posto en escena polo grupo Músicas Miúdas na Biblioteca Escolar do Colexio da Lama ao que asistiu o alumnado e o profesorado do centro, así como o propio alcalde do Concello da Lama, David Carrera.

Dentro das iniciativas apoiadas económicamente pola Deputación está un taller de igualdade posto en marcha o pasado 30 de novembro, por mor da celebración do Samaín onde máis de medio cento de nenas e nenas achegáronse ao mundo da ciencia desde unha perspectiva de xénero e tamén reinterpretaron contos tradicionais desde unha visión máis igualitaria e non sexista.

Por outra banda, e dentro das axudas da Deputación de Pontevedra, para o Fomento da Igualdade de Oportunidades e Prevención da Violencia de Xénero, levaranse a cabo o 27 de novembro catro talleres no CEIP da Lama, para a prevención e sensibilización na violencia de xénero especialmente destinados a nenos e nenas que están cursando educación primaria.

UN CONCERTO CON CANCIÓNS DE DENUNCIA DA VIOLENCIA

A seguinte actuación, prevista no programa de concienciación sobre este tema incluido nas axudas do Pacto de Estado, figura para o día 14 de decembro a celebración dun concerto a cargo do dúo “Desconcerto” con cancións de denuncia e reivindicación contra a violencia de xénero e tamén a celebración de varios talleres para nenos e nenas coincidindo coa celebración do Mercadillo Artesanal de Nadal organizado pola ANPA Cal do Vergazo, en colaboración co Concello da Lama.

Para completar o programa financiado pola Deputación de Pontevedra, o Concello da Lama porá en marcha nas vacacións de Nadal dous talleres que se desenvolverán en días distintos no Centro Multiusos e estarán especialmente enfocados cara ao alumnado de Primeria con actividades lúdicas e formativas que terán como fío conductor a igualdade e a prevención de conductas machistas.

Entre o obxectivos marcados para estes obradoiros está lograr a maior sensibilización do alumnado en materia de igualdade de xénero; dotar aos/ás participantes de ferramentas para que sexan quen de recoñecer diferentes situacións de desigualdade e machismo dotándoos/as de estratexias para abordalas; e traballara dende a escola no fomento dun pensamento crítico que axude a modificar paulatinamente as conductas socialmente  arraigadas e os estereotipos por razón de sexo.

Para acadar estes obxectivos traballaranse distintos contidos como a igualdade de oportunidades versus discriminación, xénero, estereotipos de xénero e socialización diferencial, roles de xénero, machismo, sexismo, feminismo, corresponsabilidade, etc. Todos estes contidos traballaranse a través de dinámicas axeitadas á súa idade e cunha metodoloxía participativa e integradora. Serán impartidos por unha psicóloga con ampla experiencia.

Publicacións Relacionadas