HomePontevedraA LamaO concello da Lama descubre este domingo unha placa co nome do...

O concello da Lama descubre este domingo unha placa co nome do alcalde Jorge Canda na súa céntrica rúa

- Anuncio -spot_img

O acto contará coa presenza do rexedor, membros da Corporación Municipal, o presidente da Deputación, alcaldes da comarca e público en xeral.

O Concello da Lama oficializará, este domingo ás 19:30 horas, a imposición do nome de Rúa Alcalde Jorge Canda coa colocación no céntrico vieiro xunto a Alameda dunha placa, sobre un monolito de pedra, co nome do anterior rexedor falecido hai case un ano (1 de setembro de 2024).

O evento contará coa presenza do rexedor da Lama, David Carrera, membros das Corporacións Municipais anteriores e actual, o presidente da Deputación Provicial de Pontevedra, Luís López Diéguez, alcaldes da provincia e público en xeral.

O acto será moi sinxelo, acorde ás manifestacións de modestia e humildade de Jorge Canda, e consistirá no descubrimento dun monolito de pedra cunha placa diante do cal se depositará un ramo de flores ao tempo que a Banda de Música Municipal da Lama interpretará o himno de Galicia.

O Pleno do Concello da Lama aprobou, o pasado 31 de marzo de 2025, dedicarlle unha rúa a Jorge Canda Martínez, unha persoa que foi membro da Corporación Municipal durante máis de 30 anos, 28 deles como alcalde. A rúa escollida é a que discorre diante da Alameda, a derradeira obra impulsada baixo o seu mandato.

O falecemento de Jorge Canda, o pasado 1 de setembro de 2024, produciu unha profunda consternación entre a veciñanza da Lama e entre o mundo político comarcal e provincial xa que, o seu talante e afabilidade así como a súa capacidade de traballo e compromiso co futuro da Lama foron determinantes para gañar o respecto dos seus veciños e compañeiros.

Con Jorge Canda ao fronte da Alcaldía o concello da Lama experimentou unha mellora en todo tipo de infraestruturas viarias e de comunicación coa capital da provincia, a construción do campo de fútbol de herba artificial, o Centro Multiusos, as melloras sucesivas no centro escolar e de saúde, o edificio do Obradoiro de Emprego, a creación do polígono industrial de Racelo, a modernización da Casa Consistorial e, dentro das últimas xestións realizadas antes de deixar a Alcaldía está a ampliación e mellora da estrada de Antas a Portela da Cruz, que agora se atopa na súa terceira e derradeira fase, e o Centro de Día.

Baixo o seu mandato impulsouse a celebración de festas gastronómicas como as do Codillo da Lama, a Semana Cultural, a colaboración con entidades veciñais e culturais para desenvolver todo tipo de actividades como as relacionadas coa Festas das Ermidas ou O Pelete, a posta en marcha de servizos de abastecemento de augas, centros socioculturais como os do Peso, etc.

Publicacións Relacionadas