O edil Daniel Vidal informa de que quedan só 60 recipientes por entregar á veciñanza para completar esta fase inicial de implantación deste sistema de tratamento ecolóxico para os residuos domiciliarios
O Concello da Lama fai un último chamamento á cidadanía para completar o reparto dos derradeiros 60 composteiros que quedan na implantación do sistema de tratamento ecolóxico para os residuos domiciliarios iniciado hai uns días e que a vindeira semana chega ao seu fin co reparto dos recipientes que quedan ata completar os 200 inicialmente previstos para emprender este proxecto de compostaxe.
O concelleiro encargado de poñer en marcha esta iniciativa, Daniel Vidal, fixo un chamamento á concienciación cidadá para que ao longo destes días as persoas que queiran adherirse a este proxecto piloto na Lama se poñan en contacto co Concello para solicitar un composteiro individual para instalar nas súas respectivas casas.
A última entrega destes 60 composteiros individuais realizarase a vindeira semana, probablemente o martes ou o mércores, nas instalacións do campo de fútbol municipal de Racelo lugar onde se almacenan e onde se producen as explicacións dos mestres composteiros aos beneficiarios deste programa sobre a súa montaxe e funcionamento.
Como sucedeu nas dúas ocasións anteriores nas que se realizou o reparto de composteiros individuais, os veciños e veciñas beneficiarios desta iniciativa municipal recibirán unha pequena charla orientativa sobre a montaxe e funcionamento da compostaxe a través de mestres composteiros do programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra.
Os técnicos explicarán o sinxelo funcionamento dun sistema que precisa de pouco mantemento e atención aínda que se rixe por unhas cómodas rutinas que son doadas de realizar. O compost que se obteña nas casas deberá alcanzar o seu estado óptimo para a súa utilización nun prazo duns 3 meses. O segredo para facer unha boa compostaxe está en permitir unha boa circulación do aire que evitará cheiros innecesarios e que son fácilmente evitables.
Os beneficiarios deste programa teñen á súa disposición técnicos cualificados do Plan Revitaliza da Deputación para atender calquera demanda que precisen co fin de que se estean completamente asesorados en todo momento e arroupados no caso de que fora precisa a súa intervención.
O concelleiro Daniel Vidal valorou moi positivamente a resposta da xente na retirada dos composteiros individuais (lévanse repartidos máis de 130) aínda que insistiu na necesidade de completar o programa con estes 60 recipientes que aínda faltan por repartir para o cal fixo un chamamento á colaboración veciñal para darlle unha nova oportunidade aos refugallos domésticos que producimos nas nosas casas para que teñan un aproveitamento ecolóxico de grande interese medioambiental e facilitou o teléfono do Concello para aquelas persoas interesadas en participar nesta iniciativa que é o 986 76 82 38.