Durante a mañá de onte púxose ao dispor dos veciños e visitantes da nosa Vila un novo punto de atención policial nas dependencias do OAC no edificio do Concello de Baiona.
O alcalde, D. Jesús Vázquez Almuiña, acompañado do Comisario Xefe da Policía Nacional da comisaria de Vigo-Redondela, D. Ramiro Jose Gómez García, comezaron co funcionamento deste elemento con probas de configuración para que os veciños presentes visen o funcionamento do dispositivo.
Sitúase no novo espazo entre a Oficina de Atención á Cidadanía e a recepción de Servizos Sociais e entre outras cousas, este punto permite renovar os certificados electrónicos ou cambiar as claves de acceso aos certificados.
Trátase dun posto autoexplicativo no que o cidadán é guiado ao longo da secuencia de accións necesarias para completar o proceso. Este guiado realízase a través de información mostrada nunha pantalla interactiva e, adicionalmente, conta cun sistema de audio para proporcionar axuda ao usuario a través de auriculares. É un servizo gratuíto e non require cita previa para a súa utilización.
O Concello de Baiona pretende con este novo operativo fixo que os tramites coa administración sexan máis áxiles e efectivos, xa que o posto máis próximo coa posibilidade de realizar estas operacións sitúase na Comisaria da Policía Nacional de Vigo, a máis de 20Km.

