HomeO MorrazoBueuO concello de Bueu abre o prazo de inscrición para os premios...

O concello de Bueu abre o prazo de inscrición para os premios dos desfiles do Entroido

- Anuncio -spot_img
  • As persoas e agrupacións que desexen participar poderán inscribirse antes do 17 de febreiro para o desfile do Enterriño da Sardiña e antes do 20 para o do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro

O Concello de Bueu vén de abrir o prazo para participar nos premios dos desfiles do Entroido, tras a publicación do extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) deste martes, 27 de xaneiro.

Os premios repartirán 6500 euros entre todas as categorías participantes tanto no Enterriño da Sardiña, que se celebrará o mércores 18 de febreiro ás 17.00 horas, como no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, que terá lugar o domingo 22 de febreiro a partir da mesma hora. As bases establecen dous prazos de inscrición: para o Desfile do Enterriño da Sardiña deberá facerse antes do 17 de febreiro, e para o Desfile do Paxaro de Mal Agoiro, antes do 20 do mesmo mes.

Ao igual que nas edicións anteriores, as agrupacións de máis de quince compoñentes recibirán unha cantidade fixa por participar. Concretamente, destinaranse 500 euros ás comparsas de Bueu que formen parte dos actos programados ao longo de todo o Entroido, 150 euros para as agrupacións de Bueu que participen no desfile do Enterriño da Sardiña e teñan máis de quince compoñentes, e 120 euros para aquelas que participen no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro e estean compostas por máis de quince persoas.

A maiores, estableceranse os seguintes premios para os participantes no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro: premios ás comparsas de Bueu (150 euros para o 1º e 100 euros para o 2º, 75 euros, para o 3º, e 50 euros, para o 4º), premios ás agrupacións de máis de 15 compoñentes (1º dotado con 250 euros, o 2º con 175 euros, e o 3º con 100 euros), premios ás agrupacións de entre tres e quince compoñentes (100 euros o 1º premio, e 80 euros o 2º), premios ás anpas do municipio, unha novidade deste ano (150 euros o 1º premio, 100 euros, o 2º, 75 euros, o 3º, e o 4º, 50 euros); premios ás parellas (100 euros, o 1º premio, e 80 euros, o 2º), e premios individuais (80 euros o 1º e 50 euros o 2º).

As bases tamén especifican que, no caso de mal tempo, a decisión de saír ou non saír os desfiles tomarase por parte da Comisión de Entroido, que está composta por unha representante do Concello e de colectivos do Entroido que asistiron ás reunións do citado órgano.

As bases e a solicitude de participar poden descargarse dende a páxina web municipal www.concellodebueu.gal.

Publicacións Relacionadas